20 de dec. de 2024

O ROSAL

O Rosal mergúllase de pleno no Nadal coa visita da apalpadora Iseo A Moura 

 Visitará o 23 de decembro, ás 17 h, a biblioteca municipal, cunha actividade de narración oral para público infantil e familiar 

  

A Apalpadora Iseo A Moura

Infogauda / O Rosal

 Unha xigante baixará das montañas do Courel guiada pola infinita tenrura para achegarse a O Rosal este Nadal.

  A Apalpadora Iseo A Moura, gardiá dos soños e das tradicións da terra, visitará o concello o luns 23 de decembro coas súas historias cheas de vida e memoria.  

 A Apalpadora encherá de ilusión a tarde dos máis pequenos e pequenas cunha actividade de narración oral para público infantil e familiar totalmente de balde a partir das 17.00 horas na biblioteca municipal.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández, destacou a importancia desta actividade como unha forma de conectar coas raíces e co patrimonio cultural galego. “A Apalpadora é moito máis que un personaxe máxico. Representa os valores da nosa terra, da vida sinxela, o amor á natureza e o coidado dos nosos cativos e cativas. Este Nadal queremos que o seu espírito nos axude a lembrar quen somos, sobre todo para que os máis pequenos e pequenas crezan con orgullo da nosa cultura”, explicou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario