19 de dec. de 2024

O ROSAL

Pinocho enche de música o Nadal coa Agrupación Musical do Rosal  

 AMDOR e a cómica Arantxa Treus únense para despedir o ano cun espectáculo único o domingo 22 de decembro ás 18.00 h   




Infogauda / O Rosal  

 O auditorio municipal do Rosal será esta fin de semana o escenario dun espectáculo inesquecible que mesturará música, teatro e humor. Este domingo 22 de decembro (18.00 h), a Agrupación Musical do Rosal e a cómica Arantxa Treus únense para dar vida a ‘Pinocho, un conto de Nadal’, unha adaptación única que contará coa narración de Sabela Treinta e coa colaboración do alumnado da Aula Municipal de Teatro. 

 Baixo a dirección, guión e arranxos do director da Agrupación, Javier Alonso Pérez, este concerto promete ser unha das grandes citas culturais do Nadal no Rosal, un plan perfecto para encamiñar o peche do ano cun sorriso e moita emoción. Trátase dunha proposta orixinal na que a música da banda se combinará coa interpretación teatral e os toques humorísticos de Treus, garantido unha experiencia moi entretida para públicos de todas as idades.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou o compromiso da Agrupación Musical do Rosal coa cultura, “capaz de volver sorprendernos cunha proposta innovadora e de altísima calidade. Animo a todos os rosaleiros e rosaleiras a acudir este domingo para gozar da nosa música e da nosa cultura”. 

 As entradas para o espectáculo xa están dispoñibles na oficina da Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal ou en Milar – Telesón. As entradas anticipadas terán un prezo de 4 euros para público xeral e 2 euros para socios, aínda que tamén poderán mercarse por 5 euros no despacho de boletos antes do comezo do concerto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario