Visita institucional
Abel Losada destaca en Covelo o “enorme impacto” dos fondos europeos que transfire o Goberno de España
O subdelegado subliña que Covelo conseguiu máis de 2,1 millóns de euros de fondos europeos para proxectos estratéxicos para o Concello
“Se un concello cun orzamento de dous millóns de euros é quen de acadar a mesma cantidade en axudas do Estado, queda todo dito”
A modernización da iluminación pública con tecnoloxía led, a reforma das casas de mestres para pisos de alugueiro social e as obras de humanización do centro da vila, actuacións financiadas
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, xunto co alcalde Juan Pablo Castillo, na visita institucional a Covelo
Foto: S. de G.
Infogauda / Covelo
O Concello de Covelo vén de converterse nun exemplo de captación de fondos europeos a través das convocatorias que lanza o Goberno de España. O municipio, cun orzamento municipal de apenas 2 millóns de euros, conseguiu achegas procedentes do Executivo central que superan os 2,1 millóns de euros. Un fito que foi recoñecido hoxe polo subdelegado do Goberno, Abel Losada, na visita institucional a Covelo.
Abel Losada, que asinou no libro de honra, felicitou ao alcalde, Juan Pablo Castillo, e destacou o “enorme impacto” que os fondos europeos “tamén nos pequenos concellos do rural”. Na visita estiveron acompañados tamén polo concelleiro José Fernández Muradás.
Covelo logrou financiamento para tres actuacións financiadas polo Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) e encadradas dentro do programa DUS5000 de reto demográfico e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España. Losada destacou que Covelo tivo o talento de presentar proxectos a convocatorias públicas nas que competiu con outros municipios de toda España e logrou “unha achega global realmente espectacular”. Ademais, significou, “hai que reivindicar este xeito transparente de repartir os fondos públicos, a través de convocatorias publicadas nos boletíns oficiais en lugar dos convenios directos que abundan noutras Administracións”. “Aquí hai un exemplo de bo facer, que comeza polo Concello e que remata no Goberno de España; un exemplo magnífico do que debe ser a colaboración interinstitucional”. Por iso, engadiu, cómpre felicitar o alcalde, Juan Pablo Castillo.
O primeiro proxecto consistiu na renovación da rede de iluminación pública cunha subvención de 902.444 euros. As obras permitiron a renovación de 1.398 puntos de luz dos 1.563 existentes no municipio, substituíndo as vellas lámpadas de vapor de sodio por luminarias led, tecnoloxía limpa coa que se minimizou a emisión de gases de efecto invernadoiro. Tamén se modernizaron 81 dos 84 cadros de mando existentes, adaptándoos á normativa vixente. Instalouse, ademais, un sistema de telexestión en cabeceira. Unha vez rematada a actuación reduciuse a potencia consumida de 138 Kw a só 54 Kw, alcanzando un aforro enerxético de case o 70%.
A segunda actuación centrouse na humanización do centro da vila e encadrouse na convocatoria para impulsar unha economía baixa en carbono, con fondos FEDER. Neste caso a achega de 344.527 euros permitiu crear tres tramos peonís entre a praza do Concello e o Centro de Maiores,a praza do Concello co Centro Social e o vial que une estas dúas dotacións. Esta obra tamén está executada.
Finalmente, Covelo vén de lograr unha terceira achega de 866.214 euros tamén do PRTR para reformar as antigas casas de mestres, que van ser reconvertidas en catro vivendas para alugueiro social e un centro de espazo compartido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario