Piueiro. Caderno da Tripulación
Un desafío que aínda me produce vertixe
Marta Dacosta Alonso
Poeta, profesora e sindicalista
Crear textos poéticos para as imaxes de Manuel Álvarez foi un desafío que aínda me produce vertixe. Mais o diálogo constante que mantivemos axudou a que a palabra pousase neste exercicio de contención, sonoridade, xogo e tamén deseño do espazo ocupado polo verso. Debo agradecerlle a confianza que me demostrou e que, coa súa proposta, me levase a pensar e pescudar até dar forma a este mallante.
Os versos deste libro son o resultado dun dobre proceso de creación que se asemella a un palangre, por un lado, a creación dun fío condutor libremente inspirado no conxunto das imaxes e na vida no mar, que se vai desenvolvendo a través do recurso da complexión. Por outro, versos que se enganchan a cada imaxe, como os anzois. E sempre a través dun proceso de desbastamento que procura a palabra mínima, espida de ornamento innecesario, para condensar o que podería ser ese caderno de bitácora, resultado desta singradura polas imaxes de Manuel Álvarez.
A propia lingua é a protagonista dos versos. A precisión léxica, a sonoridade de cada palabra, a pegada dialectal, a fixación de formas que imos perdendo, foron os elementos cos que tentei traballar. E deste xeito, homenaxear o esforzo das persoas que manteñen vivas a nosas tradicións e botan unha áncora para manter a flote a nosa identidade.
O meu agradecemento a quen promoveu este libro e, especialmente, a Manuel Álvarez por me ter enrolado nesta navegación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario