20 de nov. de 2024

VIGO

Vitrasa desaproveita a oportunidade de chegar a acordos e condena a cidade a sufrir novas mobilizacións   


Comité de empresa de VITRASA / Vigo

 Tras dúas xornadas de mediación nas que a dirección de Vitrasa non foi capaz de realizar unha oferta que permitise desbloquear a negociación, as mobilizacións reactivásense no día de hoxe en forma de paros parciais. Durante o primeiro día de reunión a concesionaria non presentou nada novo a pesar de solicitar eles a mediación, aludindo novamente ás perdidas de viaxeiros/as e a que o reequilibrio recibido por parte do Concello de Vigo de máis de 18 millóns de euros non lle permite cubrir as perdas derivadas da pandemia. 

 Na segunda xornada a postura empresarial cambiou un pouco, expondo un aumento da proposta rexeitada fai máis dun mes por parte do comité: do 0,5% no ano 2025 a cambio de eliminar a prima de absentismo (sobre 350 euros por traballador). Á parte deste mínimo incremento por parte da concesionaria, as tan necesarias melloras sociais que reivindican as persoas traballadoras non foron atendidas, pretendendo que o persoal estea dispoñible as 24 horas e un mínimo descanso na xornada de tan só 5 minutos cada 3 horas de condución, factores que empeoran notablemente as actuais condicións do persoal de condución e que influirían negativamente na seguridade dos viaxeiros/as. 

 Nun último intento de desbloquear o conflito, o comité de empresa acabou solicitando un incremento do 0,9% sobre a oferta realizada pola empresa para este ano 2024, que foi negado pola dirección e que puxo punto final a esta mediación. Este mínimo incremento solicitado polo Comité suporía arredor de 135.000 euros de desembolso, cando a última achega do Concello de Vigo é de 12 millóns de euros. 

 No comité estamos moi defraudados/as pola postura da dirección de Vitrasa, xa que a día de hoxe ademais de estar a perder mais dun 14% de poder adquisitivo e de deixarlle claro á empresa que renunciabamos a recuperar os salarios perdidos, o que supón un aforro de máis de 3,5 millóns de euros para Vitrasa polos anos 2021 a 2023, néganse a pechar un acordo por unha cantidade tan ínfima como 135.000 euros despois de recibir millóns. Quédanos claro que Vitrasa non pretendeu nunca solucionar este conflito. 

 Facemos un chamamento ao Concello de Vigo para a NON RENOVACIÓN DA CONCESIÓN a unha empresa que o único que quere é recortar un servizo esencial como é o transporte nunha cidade e engordar o seu peto a conta do diñeiro público e de empobrecer as persoas traballadoras.  

 Doutra banda, denunciamos que unha vez máis o Concello impón uns servizos mínimos abusivos e que volven deixar os arrabaldes da cidade -zona que máis necesita deste servizo esencial- desatendido. Finalmente, seguimos agardando unha resposta ás solicitudes de reunión realizadas por este comité ao alcalde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario