9 de nov. de 2024

TUI

O Partido Popular manifesta a súa profunda preocupación

DIANTE DA SUBA DO IMPOSTO DO LIXO, QUE SUPORÁ “UN DURO GOLPE A ECONOMÍA DOS TUDENSES” POLO SEU INCREMENTO “SALVAXE E DESPROPORCIONADO”   

Xunto a plusvalía municipal e o incremento do IBI, esta é a terceira subida de impostos aprobada polo PSdeG-PSOE e o BNG, no que vai de ano.  

O novo “tarifazo” municipal, que ademais resulta especialmente gravoso para as familias con mais membros e os pensionistas, suporá en moitos casos subas de máis dun 300%.

 

Sesión plenaria da corporación municipal do Concello de Tui
Foto: Cedida

Infogauda / Tui

 O Partido Popular manifesta a súa profunda preocupación ante a recente aprobación da ordenanza fiscal que regula a taxa pola recollida do lixo, que xunto a implantación da plusvalía municipal e a suba do IBI, é xa o terceiro imposto que incrementan o PSdeG-PSOE e o BNG, no que vai de ano.  

 O voceiro popular, Nico Montes, considera que esta suba “salvaxe e completamente desproporcionada” supón un novo golpe á economía das familias, especialmente ás que residen nas parroquias, que en moitos casos sufrirán un incremento de máis dun 300% no pago de dito imposto. “Por exemplo, unha familia de 4 membros que resida nunha parroquia do noso concello, pasará de pagar 55,33 € ó ano, a pagar 167,22 € co novo taxazo municipal, o triple que ata agora, e no caso de que residan na zona urbana, o incremento do imposto suporá máis dun 230%, pasando de recadar de 84,79 €/ ano a 196,52 €/ ano”.  

 A nova ordenanza do lixo contempla unha parte fixa segundo onde se atope a vivenda, de 146,52€ na zona urbana ou de 117,22€ no rural, e outra variable que ven dada polo numero de persoas empadroadas, partindo en 20€ no caso de 1 persoa, 30€ de dúas, e así consecutivamente. “Nun contexto de crecente inflación e perda de poder adquisitivo, a nova ordenanza establece un aumento moi significativo e impacta de maneira desproporcionada nos petos dos cidadáns, indica Nico Montes, e destaca “que ademais, resulta especialmente gravosa para as familias con máis membros e os pensionistas, que xa de por si se enfrontan a moitas dificultades económicas.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario