Teatro, formación, presentación dun libro e curso de autodefensa, actividades para o 25N en Tomiño
▪ A lectura do manifesto será o día 25 ás 12.30 horas no Seixo e estará a cargo de "Sachos Violetas"
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño conmemora o 25N Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres con teatro, actividades de formación para o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, presentación dun libro e curso de autodefensa para mulleres.
O programa arranca o venres 22 de novembro co Curso de Autodefensa para Mulleres, que se desenvolverá até o 27 de decembro. Será na Salgosa de 16.30 a 18.30 horas. As prazas son limitadas polo que é necesario inscribirse previamente.
Por outra banda, o alumnado do IES participará dunha actividade formativa denominada “Facendo comandos” con “Sachos Violetas”.
O sábado 23 de novembro continúa a programación con “No solo duelen los golpes”, un monólogo teatral de Pamela Palenciano. Pamela Palenciano é unha actriz andaluza de teatro e activista feminista coñecida pola obra que trae a Tomiño; un relato autobiográfico sobre a violencia de xénero, a través do humor e a ironía. Será ás 21.00h no auditorio goianés. Entrada 5 euros.
O día 25N o Salón de Plenos do Concello acollerá ás 12h a presentación do libro “Sempre libres e vivas” de Uqui Permui. E media hora despois terá lugar na praza do Seixo a lectura do manifesto contra a violencia de xénero, a cargo de “Sachos Violetas”, previa marcha do alumnado do IES ata o Seixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario