19 de nov. de 2024

TOMIÑO

Os escolares de Tomiño agradecen o seu dereito á información e á participación na toma de decisións 

 A alcaldesa presidiu o pleno infantil celebrado hoxe no marco do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, oportunidade na que nenos e nenas propuxeron formas para incrementar e mellorar a súa participación na sociedade  


O pleno estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Mocidade, Agustín González. No hemiciclo tamén estiveron dous representantes de cada centro educativo máis dous voceiros do Voces Novas, de Tomiño

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Agradecer a creación do Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, como órgano de comunicación e participación deste sector da poboación co resto da sociedade e concretamente co Concello de Tomiño, foi a tónica xeral do discurso do alumnado representante dos cinco colexios que participaron hoxe no pleno infantil celebrado esta mañá no Auditorio Municipal de Goián.  

 O pleno estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Mocidade, Agustín González. No hemiciclo tamén estiveron dous representantes de cada centro educativo máis dous voceiros do Voces Novas, de Tomiño. A rexedora explicou que o pleno celebrábase no marco do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro, coa consigna especial de propor formas de incrementar e mellorar a participación dos menores na vida pública.  “En Tomiño temos un compromiso firme coa infancia e a mocidade; esforzámonos para que a vosa participación sexa algo real, activo e transformador”, afirmou González. E nesa liña, resaltou a creación do Consello Voces Novas no ano 2017 que “sirve como unha canle permanente para que as vosas propostas, ideas e inquedanzas sexan escoitadas e teñan un impacto real nas decisións que tomamos no Concello”.  

 A alcaldesa lembrou ademais que Tomiño foi un dos primeiros concellos de Galicia nomeado por UNICEF “Cidade Amiga da Infancia” polo traballo desenvolto nese eido “para que Tomiño sexa un lugar no cal a infancia sexa respectada, valorada e protagonista”, asegurou.  

 Os escolares fixeron tamén outras suxestións e propostas de mellora como no caso do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, a creación dun pavillón deportivo, ou no de Barrantes, a  instalación dunha caixa de correo en cada centro educativo, para comunicar ideas, problemas ou propostas, Asemade, pediron que un representante do Concello visite os colexios cada un tempo, ou a creación dun apartado na web municipal para facer suxestións ou preguntas ao goberno. 

 No CEP Pedro Caselles Beltrán reivindicaron o dereito á participación a través de Voces Novas e suxeriron a creación dunha ludoteca, máis actividades extraescolares e a posibilidade de elixir textos para a futura biblioteca.    

 Pola súa banda, o CEIP de Sobrada, solicitou un buzón infantil no Concello, un consello infantil intercentros, e o deseño dunha aplicación para poder participar por internet. O CEIP de Tebra pediu tamén un buzón de peticións e suxeriu tamén un transporte para levar aos representantes dos distintos coles a falar periodicamente cos gobernantes municipais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario