A Coral da Agrupación Musical do Rosal fará vibrar ao Rosal no seu concerto de 20 aniversario
Actuará no auditorio municipal este sábado 9 de novembro ás 20.00 h. Estará acompañada polo Coro Gospel Vida, de Vigo
Infogauda / O Rosal
Vinte anos de emocións compartidas, dúas décadas de voces que unen ao Rosal a través da música. A Coral da Agrupación Musical do Rosal celebra o seu 20 aniversario este sábado 9 de novembro cun concerto que fará vibrar ao público ás 20.00 horas no auditorio municipal.
“Celebrar 20 anos de vida da nosa coral non é só unha homenaxe á música, senón tamén ao esforzo, á unión e á paixón coa que tantos veciños e veciñas contribuíron á cultura do Rosal ao longo destas dúas décadas”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Un espectáculo único no que a Coral da Agrupación Musical do Rosal contará co Coro Gospel Vida de Vigo como grupo convidado, máis de 60 voces e unha banda musical que levará ao auditorio municipal a maxia do gospel, un xénero pouco habitual na comarca nun espectáculo único.
Tras a actuación do coro vigués, a Coral da Agrupación Musical do Rosal, dirixida por Toñi Santos Vaquero, sorprenderá ao público cunha actuación que promete ser un agasallo para todas e todos os presentes e un recordo inesquecible para a propia agrupación.
As entradas xa están dispoñibles para persoas socias a 3€, cun máximo de 2 entradas por socio que deben retirarse na oficina da Agrupación Musical do Rosal. O público xeral poderá mercar as súas entradas a 4€ nas mesmas oficinas ou en Milar Telesón O Rosal.
A rexedora anima a toda a veciñanza rosaleira “a gozar dunha tarde de lecer para toda a familia escoitando música de calidade e de balde ao abeiro dun programa cultural preparado para este outono con todo o agarimo e no que se inclúen actividades para todos os públicos e para todos os gustos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario