21 de nov. de 2024

O ROSAL

O Rosal, exemplo de liderado da transición enerxética con comunidades colaborativas  

A alcaldesa afondou sobre a posta en marcha no Concello da primeira Oficina de Transformación Comunitaria do rural galego nunha xornada sobre comunidades enerxéticas organizada polo Observatorio Eólico de Galicia  


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, participou nunha das charlas para explicar a creación por parte do Concello da primeira Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) do rural galego

Foto: C.O.R.
  

Infogauda / O Rosal   

 O futuro sostible comeza no Rosal. O Concello sitúase xa como referente no seu compromiso co medio ambiente e coa innovación, motivo polo que foi convidado a participar este xoves nunha xornada sobre ‘Comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias. O ecosistema galego’, un interesante encontro organizado polo Observatorio Eólico de Galicia en colaboración co Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, a Universidade de Vigo e o proxecto europeo EC4Rural. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, participou nunha das charlas para explicar a creación por parte do Concello da primeira Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) do rural galego, que contará cun proceso participativo moi relevante. O Goberno municipal ven de adxudicar a xestión deste servizo pioneiro que busca facilitar a creación de comunidades enerxéticas locais, reforzando o apoio técnico e o asesoramento á veciñanza para impulsar proxectos que reduzan o consumo, aforren na factura da luz e fomenten a transición cara ás enerxías renovables.  

 “O Rosal é un lugar idóneo para a implantación de comunidades enerxéticas pola súa tradición de colaboración social e asociativa. Esta oficina é un paso máis no noso compromiso por un futuro máis sostible, achegando ferramentas prácticas para que a veciñanza e as pequenas empresas poidan ser tamén protagonistas do cambio enerxético”, recalcou a rexedora.  

 Trátase dos pasos dados polo Concello no seu modelo de transformación integral do Rosal en termos de sostibilidade, que en apenas catro anos levou ao Goberno municipal a liderar importantes iniciativas “para liderar entre todos e todas unha revolución verde. Neste camiño, O Rosal tamén forma parte do proxecto EC4Rural, un proxecto europeo da Universidade de Vigo que busca desenvolver novos mecanismos de apoio ás comunidades enerxéticas no rural, impulsando a súa creación e mellorando a colaboración entre Concello e veciñanza, a concienciación social e a formación en desenvolvemento enerxético comunitario, ademais de fomentar a participación cidadá e promover as enerxías renovables.  

 Durante o encontro celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, Ánxela Fernández Callís debullou outros dos piares sobre os que se asenta esta transformación integral do Rosal, como a transformación do espazo público para devolverllo ás persoas, a reforma das escolas unitarias para a posta en valor do patrimonio e a mellora da eficiencia enerxética, a colaboración continua coas traídas de auga veciñais e as comunidades de montes, a aposta pola educación ambiental a toda a veciñanza dun xeito ameno e creativo ou a gran transformación na eficiencia enerxética municipal levada a cabo nos últimos anos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario