19 de nov. de 2024

O ROSAL

Tarde de música, homenaxe e emoción no Rosal co concerto de Santa Icía 2024  

 A Agrupación Musical do Rosal conmemora este día cun concerto, coa colaboración especial do pianista Javier Ares, e unha homenaxe a Antonio Granja e Suso González  

▪Este sábado 23 de novembro, ás 19.00 horas, no auditorio municipal. Entrada de balde   




Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para vivir unha xornada especial para conmemorar Santa Icía, patroa dos músicos. A Agrupación Musical do Rosal organiza para este sábado 23 de novembro, ás 19.00 horas - con entrada de balde - un espectacular concerto que encherá o auditorio municipal de emoción e talento para celebrar unha das citas máis agardadas do ano.  

 Baixo a batuta de Javier Alonso, o concerto contará cun programa excepcional que inclúe a benvida aos novos membros da banda, que debutarán nunha tarde repleta de grandes momentos. Nesta ocasión, a Agrupación contará ademais coa colaboración especial do pianista Javier Ares, catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña, que achegará a súa mestría cunha actuación que promete ser inesquecible.  

 Outro dos momentos destacados será a homenaxe a Antonio Granja e Suso González, figuras clave na Agrupación Musical do Rosal, cunha dedicación e legado que deixaron unha fonda pegada na comunidade musical rosaleira. A Agrupación aproveitará o concerto de Santa Icía para compartir ademais co público a ledicia do primeiro premio acadado recentemente no Certame Galego de Bandas.  

 Dende o Concello convídase a toda a veciñanza a gozar dunha tarde única de música, recoñecemento e celebración, consolidando así o concerto de Santa Icía como unha cita imprescindible no calendario cultural do Rosal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario