Ensino, sostibilidade e historia únense na renovada Escola Unitaria de Tabagón
▪ O Concello inaugurou este venres este espazo educativo icónico que será sede do CRA María Zambrano
▪ Implementáronse medidas de eficiencia enerxética que reduce o 71% das emisións de CO2 dun inmoble agora 100% accesible
▪ Durante o acto puido verse a expo ‘Memorias da Escola Rural’, unha recompilación de 100 imaxes das escolas unitarias dende os anos 50
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Unha xoia do ensino rural renace no Rosal. A Escola Unitaria de Tabagón volveu abrir as súas portas tras a súa reforma integral, un espazo moderno e renovado que consolida o compromiso do Concello do Rosal coa sostibilidade e coa educación ao converter este emblemático inmoble na nova sede do CRA María Zambrano.
“A educación é o alicerce dunha comunidade viva e dinámica. Recuperar espazos como este non só honra o noso pasado, senón que garante un futuro mellor para os rosaleiros e rosaleiras. Porque as escolas unitarias ademais de ser inmobles cun elevado valor patrimonial e arquitectónico son equipamentos educativos de grande importancia na estrutura territorial para fixar poboación e seguir na procura da calidade de vida da nosa veciñanza”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quen subliñou a importancia desta obra no marco dun modelo sostible e respectuoso co medio ambiente.
A importancia desta reforma marca un punto de inflexión na transformación en termos de eficiencia enerxética e sostibilidade da escola, reducindo os elevados custos de calefacción e conseguindo un maior nivel de confort para todas e todos os usuarios. Un paso clave, xa que tras a renovación acadouse un aforro do 93% na demanda de calefacción e reduciuse nun 75% o consumo de enerxía primaria non renovable, así como nun 71% as emisións de CO2.
A reforma da Escola Unitaria de Tabagón contou cun investimento de 600.000 euros cofinanciados con fondos propios do Concello do Rosal e con fondos europeos NextGenerationEU a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicios (PIREP Local), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. A pesar de que a competencia en educación é integramente de Xunta de Galicia, o Concello fixo un sobreesforzo para financiar esta rehabilitación ambiciosa na súa aposta polo ensino de proximidade.
Na inauguración a rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Educación, José Carlos Martínez Crespo, e polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que destacou “o impacto que o Plan de Recuperación do Goberno está a ter no desenvolvemento do rural da provincia de Pontevedra”.
“Esta actuación é un exemplo de como os fondos europeos que algúns trataron de boicotear están chegando a cada recuncho de Galicia e desta provincia, dándolle novas oportunidades e vida ao rural”, expresou o subdelegado. Losada felicitou á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, pola súa dilixencia para captar fondos europeos e por acometer esta actuación “nun tempo récord”. “Grazas ao traballo do Concello e á cooperación institucional os veciños e veciñas do Rosal e, sobre todo os seus nenos e nenas, teñen hoxe un equipamento educativo público á altura das súas necesidades que espero que gocen por moitos anos”, apuntou.
Neste sentido, o concelleiro de Educación, José Carlos Martínez Crespo, sinalou que “este proxecto non é só una obra, é una declaración de intención para seguir apostando pola educación de calidade, pola preservación do noso patrimonio e pola sostibilidade como eixo vertebrador de todas as acción do Goberno municipal”.
A xornada contou tamén coa inauguración da exposición fotográfica ‘Memorias da Escola Rural’, unha mostra que permitiu á veciñanza viaxar no tempo a través de máis de 100 imaxes das escolas unitarias da vila dende os anos 50, ademais de amosar o antes e despois do inmoble tras a reforma. O acto pechouse cunha chocolatada gratuíta, un doce xeito de agradecer á veciñanza o seu apoio e implicación neste proxecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario