12 de nov. de 2024

O ROSAL

Un mes de actividades contra a violencia de xénero e pola igualdade no Rosal  

O Concello pon en marcha ao abeiro do 25N unha ampla programación con charlas, teatro, proxeccións e actividades para toda a familia  

 


Infogauda / O Rosal  

 O 25N non é só unha data no calendario, é un compromiso diario contra a violencia de xénero e pola igualdade real entre mulleres e homes. Así o destaca a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, que salienta a ampla programación posta en marcha polo Concello durante o mes de novembro co que continuar revolucionando mentes ao abeiro do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. 

 Unha programación con charlas, teatro, proxeccións e moitas máis actividades que buscan “máis que nunca rosaleiros e rosaleiras de todas as idades se impliquen na loita contra a violencia de xénero e reflexionen sobre a importancia de erradicar a desigualdade e a violencia machista dende a base, na educación e nas relacións diarias”, como sinalou a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez. 




 As actividades arrancarán este xoves 14 de novembro cunha formación a familias do proxecto #SexoConSentido, un espazo informativo sobre a sexualidade na infancia e adolescencia dirixido de forma exclusiva a pais e nais no que abordar as claves para acompañar a fillos e fillas na súa educación afectivo-sexual. Durante o encontro ofreceranse pautas para fomentar unha educación afectivo-sexual saudable no fogar, resolvendo dúbidas e compartindo estratexias.  

 Haberá unha primeira quenda ás 16.00 h para familias con rapazada de 6 a 12 anos e outra ás 18.30 h para familias con mozos e mozas de 13 a 16 anos, aínda que se poderá acudir a calquera a pesar de que a quenda non corresponda especificamente coa etapa de fillos e fillas. Será no salón de exposicións do Concello. 

 Ao día seguinte, o 15 de novembro, inaugurarase un valado publicitario na rotonda da Mata ao abeiro dun proxecto financiado polo Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero e o sábado 24 de novembro será a quenda do teatro. A compañía Talía Teatro subirase ao escenario do auditorio municipal ás 19.00 horas co seu espectáculo ‘Desexo’. 

 O Rosal conmemorará o 25N cunha concentración ás 19.00 horas na praza do Calvario, un acto simbólico para visibilizar o rexeitamento á violencia machista. Ao remate, terá lugar a proxección da curtametraxe para todos os públicos ‘Lurna’, de Nani Matos, coa colaboración de ACCEM, unha organización sen ánimo de lucro especializada na atención a persoas refuxiadas e en situación de vulnerabilidade. 

 O 28 de novembro, ás 17:30 h no restaurante As Brasas, pecharemos o mes cunha nova cita cos Cafés en Igualdade, que nesta ocasión abordará da man da psicóloga Rosalía Campos a ‘Dependencia emocional’. 

 Ademais, o Concello creará un espazo moi especial na biblioteca municipal, O carriño do benquerer, un lugar onde as familias poderán acceder a lecturas sobre sexualidade, afectos, diversidade, cambios corporais e relacións saudables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario