O Rosal transforma o coiro en arte nun novo Obradoiro de Outono
O Concello celebra o vindeiro sábado 23 de novembro un curso no que as e os participantes fabricarán unha funda de libreta
Aberta xa a inscrición para participar nesta iniciativa dirixida a todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos
Infogauda / O Rosal
Este outono o coiro cobra vida nas mans de rosaleiros e rosaleiras. O Concello xa ten en marcha unha nova cita cos Obradoiros de Outono, un taller de artesanía en coiro, de aproximadamente catro horas de duración, no que as persoas participantes descubrirán os segredos para traballar con este material e crearán a súa propia funda de libreta guiados por Ana, da rosaleira Media Lúa Artesanía.
Como sinala o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, con este novo obradoiro o Concello “busca impulsar a creatividade e ofrecer á veciñanza a oportunidade de achegarse ao mundo da artesanía en coiro sen importar a experiencia previa. Un novo espazo de aprendizaxe, expresión e diversión co que rosaleiros e rosaleiras poden achegarse a actividades diferentes e sentir o valor de traballar coas mans, de crear algo dende cero”.
Organizado pola OMIX do Rosal, aínda que o taller está dirixido a público de todas as idades terán prioridade á hora da inscrición as persoas menores de 30 anos. Este primeiro obradoiro celebrarase o vindeiro 23 de novembro ás 10.00 horas na Nave Obradoiro da Mata e terá un prezo de 20 euros.
Con prazas moi limitadas, as persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario web habilitado. Unha vez realizada a inscrición chamarase ás persoas interesadas para confirmar a súa participación e informar sobre o modo de pago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario