15 de nov. de 2024

O PORRIÑO

O TSXG condena a Pescanova por vulnerar o dereito de conciliación da vida familiar e laboral 

A empresa negoulle a concreción horaria a un traballador para o coidado de menor 


Centro de traballo de Nueva Pescanova, no Porriño
Foto: CIG

Infogauda / O Porriño 

 O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condenou recentemente a empresa Pescanova por vulneración do dereito de conciliación da vida familiar e laboral, tras terse negado a aceptar a concreción horaria solicitada por un empregado do centro de traballo do Porriño para o coidado de menor. 

 O TSXG atendeu deste xeito o recurso de suplicación presentado polo afectado a través da CIG contra a decisión do Xulgado do Social número 6 de Vigo e declara o dereito do traballador a ser adscrito á quenda de noite de 22:00 a 6:00 horas, tal e como reclamara tras xustificar debidamente a necesidade dese cambio para poder encargarse do seu fillo tras un cambio nas circunstancias familiares.  

 A sentenza, que xa é firme tras ter renunciado a empresa a presentar recurso de casación diante do Tribunal Supremo, establece ademais unha indemnización de 2.500 euros por danos morais ao entender o TSXG que se produciu unha discriminación por circunstancias familiares, xa que Pescanova non achegou razóns organizativas suficientes que xustifiquen a decisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario