20 de nov. de 2024

ECONOMÍA

A sanidade privada da provincia de Pontevedra, en loita “por un convenio digno xa” 

 Arredor dun cento de traballadoras/es comezou hoxe un calendario de mobilizacións cunha protesta diante do centro médico Concheiro de Vigo

 

Concentración de persoal da sanidade privada da provincia de Pontevedra, diante do centro médico Concheiro de Vigo
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 O persoal da sanidade privada da provincia de Pontevedra iniciou hoxe a súa loita para reclamar “un convenio colectivo digno xa” cunha concentración diante do centro médico Concheiro de Vigo. A patronal abandonou a última xuntanza da mesa de negociación como medida de presión para intentar que as protestas, que continuarán nas vindeiras semanas, non se fixesen efectivas. 

 As centrais CIG, CCOO, UGT e CSIF convocaron as mobilizacións para reclamar unhas condicións de traballo dignas para as traballadoras/es adscritas/os ao convenio de Hospitalización Privada da provincia de Pontevedra, o único das catro provincias que queda sen renovar. 

 As principais demandas pasan por negociar unhas táboas salariais “acordes coa realidade na que vivimos” e porque se retribúa o traballo en domingos e festivos. Tamén se reclama unha redución da xornada anual, tal e como se recolleu nos convenios asinados no resto de provincias, que incluíron ademais o cobro dos domingos e festivos. 

 Segundo explican dende a CIG-Saúde, na reunión da mesa negociadora constituída en setembro de 2020 que tivo lugar este luns 18 de novembro a parte empresarial ameazou a parte social con levantarse e interromper as conversas se non se desconvocaban as concentracións previstas para as vindeiras semanas demandando un convenio digno.  

 “Hai que lembrarlle á patronal que as mobilizacións foron esixidas polas persoas traballadoras do sector nas asembleas informativas realizadas o pasado 7 de novembro ao coñecer a inmobilidade das propostas achegadas até esa data”. Por iso queren deixar moi claro que a parte social non cederá a esta “chantaxe” e continuará a defender os dereitos das persoas afectadas por este convenio, “polo que manteremos o calendario de protestas establecido”. 

- Mércores 27 de novembro ás 12:00 horas no hospital Vithas Fátima de Vigo (Vía Norte, 48).  

- Mércores 4 de decembro ás 12:00 horas na Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo (García Barbón, 104). 

- Mércores 11 de decembro ás 12:00 horas no centro médico Vithas en Pontevedra (Eduardo Pondal, 68).

Ningún comentario:

Publicar un comentario