14 de nov. de 2024

ECONOMÍA

Seguimento total na segunda xornada de folga para rexeitar o ERE en Circet-Movistar 

Os paros e as protestas contra os despidos continuarán os días 20 e 21  


Mobilización en Vigo de persoas traballadoras de Circet Infraestructuras de Telecomunicaciones, concesionaria do servizo de Movistar Telefónica en Galiza
Foto: CIG

Infogauda / Galiza 

 A totalidade das persoas traballadoras de Circet Infraestructuras de Telecomunicaciones, concesionaria do servizo de Movistar Telefónica en Galiza, están secundando este xoves a segunda xornada de folga en rexeitamento ao ERE de extinción a través do que a empresa pretende despedir a 118 persoas en Galiza. A CIG rexeita os argumentos esgrimidos por Circet e denuncia que esta medida só busca precarizar as condicións laborais do sector e avanzar na subcontratación do traballo. Os paros e as protestas continuarán o mércores 20 e o xoves 21. 

 Para darlle máis visibilidade á súa loita, o persoal de Circet concentrouse diante de tendas e oficinas de Movistar Teléfonica ao berro de "ERE de extinción para a dirección", "A solución, o ERE no caixón" ou "Circet culpábel, Movistar responsábel". No caso de Vigo mesmo percorreron as rúas da cidade en manifestación xunto ao persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra, que tamén se atopa hoxe de folga. Previamente concentráranse diante da oficina de Teléfónica na rúa Urzaiz. 

 "Circet comprou o contrato bucle de Movistar e agora, tres meses despois, quere botar a 118 persoas en Galiza, argumentando perdas económicas porque perderon o contrato de Orange", explica Esther Castro, delegada da CIG no centro de traballo de Bergondo. Castro rexeita os argumentos esgrimidos pola empresa para xustificar este ERE, entre outras cuestión, porque no caso da provincia da Coruña o persoal que estaba asignado ao servizo de Orange xa foi recolocado noutras empresas "xa que se lles aplicou a subrogación que temos recoñecida no convenio de siderometal". 

 Denuncia que o verdadeiro obxectivo deste despido colectivo non é outro que "facer limpeza con nós para subcontratar máis traballo porque lles sae máis barato". Apunta que aínda que a subcontratación en cadea neste sector está limitada a un 30%, "hai moitas contratas que non teñen declarado a todo o persoal que está na rúa, porque xa non é obrigatoria a entrada nas centrais". Isto, engade, facilita que se externalice a actividade a persoal falso autónomo e a pequenas empresas que non respectan os dereitos laborais e teñen condicións totalmente desreguladas. 

 A delegada da CIG entende que este ERE carece de xustificación e só busca precarizar as condicións laborais. "As subcontratas traballan de oito da mañá a dez da noite, non cumpren as medidas de seguridade, e non fan o mantemento das instalacións adecuado, pero ninguén controla isto", alerta.  

 A respecto da diminución da carga de traballo que alude a empresa pola desaparición do cobre, subliña que este foi substituído pola fibra ou o 5G, moi estendido en Galiza porque a moitas zonas non chegou a fibra. "Todo isto require de mantemento e ademais aquí afecta moito a climatoloxía. Temos moito poste de fibra pola distribución dispersa da poboación e porque apenas houbo canalización", sinala. 

 Xunto a isto, Castro lamenta o desinterese total da Administración galega na continuidade do emprego e nas condicións de traballo, a pesar de que Circet se encarga de departamentos tan importantes como a Xunta de Galiza, o SERGAS e as emerxencias.  

Xuntanza cos grupo parlamentarios 

 Entre as accións que o persoal de Circet está a desenvolver en defensa do seus postos de traballo inclúense tamén xestións institucionais. De feito, xa tramitaron solicitudes de xuntanza cos distintos grupos políticos con representación do Parlemento galega. A rolda de contactos comezará este luns cunha reunión en Santiago entre a representación sindical e o BNG, na que tamén participará o deputado da formación nacionalista no Congreso español, Néstor Rego.  

 A intención dos traballadores/as é que o deputado formule unha serie de cuestións a respecto da autorización a Circet para facer coa unidade produtiva de Comfica -a anterior concesionaria do servizo de Movistar- por parte da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) o pasado mes de maio.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario