7 de nov. de 2024

DEPORTES

 FÚTBOL

1ª Autonómica Grupo 6

O SPORTING GUARDÉS XOGARÁ CO RACING DE CASTRELOS, F. C.

O domingo día 10 de novembro, ás 16:30 horas, no Estadio Municipal A Sangriña




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Cunha mensaxe de apoio dirixida a Valencia, e por extensión a todos os pobos afectados pola pinga fría, tamén chamada DANA​ - acrónimo para Depresión Illada en Niveis Altos -; o Sporting Guardés expresa súa solidariedade con toda á cidadanía perxudicada polas perdas de vidas humanas e cuantiosos danos materiais, causados pola inclemencia da meteoroloxía adversa da pasada semana, e da que todos, en maior ou menor medida, somos coñecedores.

 Ánimo Valencia. 

 Con esa frase impresa no cartel correspondente ao encontro de fútbol que o Sporting Guardés e o Racing de Castrelos, F.C., disputarán este domingo día 10 de novembro, ás 16:30 horas, no Estadio Municipal A Sangriña; o club guardesista súmase as mostras de apoio que nestes días precedentes, se teñen producido desde moitos lugares do planeta.

 Sen esquecer aos afectados, que seguirán precisando de todas as axudas posibles, pasamos a expresar algunhas reflexións respecto ao referido encontro de fútbol. 

 Comezamos indicando que o Racing de Castrelos, F.C., con 15 puntos no seu haber, está situado actualmente no posto 6º da táboa. E o Sporting Guardés, con 17 puntos, atópase no posto 5º. Como quen dí, ambos os dous equipos están moi igualados. Ese feito, lévanos a intuir que o partido que van ofrecer, ten, a priori, todos os ingredientes para resultar ameno para todos os públicos.

 Tamén coidamos que o equipo vigués contará co apoio da súa afección que desde á cidade olívica achegaranse ata A Guarda ben cedo para desfrutar dun bo xantar en calquera dos restaurantes da nosa vila - suxerimos que fagan a oportuna reserva previa -, e despois acudir ata A Sangriña para presenciar o encontro desde as bancadas.

 Como a vitoria é o obxectivo, tanto do Sporting Guardés como do Racing de Castrelos, F.C., animamos aos seareiros de A Guarda e súa contorna, a asistir a ese encontro que promete estar moi interesante. Especialmente porque o equipo de A Guarda leva encadeadas dúas xornadas consecutivas puntuando (2-1, na Sangriña, fronte ao C.D. Caldelas; e 0-2 na súa visita ao E.D. Val Miñor). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario