23 de nov. de 2024

CULTURA

O Día da Ilustración de 2025 renderalle homenaxe ao artista gráfico Xosé Vizoso 

  A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración


conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, López Campos, durante unha conversa co homenaxeado ao que visitou, xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, no seu propio estudo
Foto: X.G.


Infogauda / Santiago de Compostela 

 A Xunta de Galicia colabora un ano no Día da Ilustración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que para o 2025 homenaxeará a Xosé Vizoso, un artista gráfico que, alén dunha ampla traxectoria como deseñador e ceramista, ten tamén unha importante produción como cartelista, muralista e ilustrador de libros. O recoñecemento ao autor de Mondoñedo é o primeiro que se fai en vida, xa que en anteriores edicións a efeméride centrouse en reivindicar a referentes históricos e pioneiros nesta disciplina.  

 Neste senso, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou “esta aposta por poñer tamén o foco en figuras clave da ilustración galega contemporánea” manifestando, dixo, “a relevancia dos creadores e creadoras no noso tempo e contexto”. Así o afirmou López Campos durante unha conversa co homenaxeado ao que visitou, xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, no seu propio estudo, onde lle anunciou a boa nova. “Isto supón toda unha oportunidade de manter unha interacción directa coa obra e a persoa que seguramente tamén vai ser moi apreciada polo público no marco da programación que se realice ao seu redor”, resaltou o representante do Goberno galego.  

 No marco deste encontro, López Campos gabou o seu traballo, que se caracteriza por ter un estilo moi ligado á cultura, as tradicións e o rural galego.  Ademais, fixo fincapé en que a elección deste artista busca a valorización, promoción e divulgación da súa creación tanto dentro como fóra de Galicia, cunha produción artística prolífica que suma centos de carteis, cerámicas e ilustracións.  

 Con motivo desta efeméride, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está traballando na posta en marcha de diversas actividades como obradoiros ou exposicións baseadas na  traxectoria de Xosé Vizoso.  

Ceramista e cartelista cunha ampla produción 

 Xosé Vizoso naceu en Mondoñedo en 1950 e foi gañador do Premio Nacional de Escultura en 1968. Na súa traxectoria destacan as súas catro décadas coo deseñador, xunto con Xosé Díaz, da cerámica de Sargadelos, ou, máis recentemente, a realización do cartel do Centenario do Celta de Vigo.  

Amplo recoñecemento ao longo dos anos 

 O Día da Ilustración forma parte do Calendario do libro e da lectura desde o ano 2014 e toma como data de referencia a do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. É unha iniciativa que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.  

 Esta conmemoración pretende lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na cultura galega, homenaxeando un autor que teña contribuído a consolidar e a tecer a historia neste eido en Galicia. O nome de Xosé Vizoso súmase así aos de Chichi Campos,  María Antonia Dans, Lino González Rubido, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Lolita Díaz Baliño e Reimundo Patiño, que recibiron o recoñecemento nos anos anteriores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario