Galicia tece pontes co mundo e coa lusofonía a través do Convenio 2024 entre a Deputación de Pontevedra e o IGADI
A Deputación de Pontevedra e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) veñen de poñer en marcha o proxecto “Tecer pontes co mundo, construír pontes coa lusofonía”.
Enmarcado no convenio de colaboración Deputación de Pontevedra-IGADI 2024, o proxecto aposta por proxectar a identidade galega a nivel global, cunha especial atención á conexión co universo lusófono e as relacións Galicia-Portugal.
IGADI / A Guarda
Entre as actividades atopamos a actualización do estudo “A Deputación de Pontevedra e a Acción Exterior de Galicia”. Esta investigación sitúase nun momento clave, no que a Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia (2021), a entrada de España como observador na CPLP (2021) ou a recente constitución do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade da Xunta de Galicia abren novas vías de colaboración e intercambio para Galicia. Ademais do estudo, o proxecto tamén contempla a celebración dun webminar arredor da Acción Exterior de Galicia e as súas ligazóns coa provincia de Pontevedra. A sesión en liña, que terá dúas horas de duración, realizarase o mércores 20 de novembro entre as 18h e as 20h. Será aberto ao público, mais está especialmente dirixido aos representantes políticos e técnicos da Deputación e os Concellos da provincia. Na sesión, afondarase nas boas prácticas para os Concellos en materia de proxección exterior, ofrecendo unha panorámica sobre o marco normativo galego ou o potencial do idioma portugués como ponte cultural e comercial. Para inscribirse cómpre cubrir o seguinte formulario. Realizaranse certificados de asistencia para as persoas que participen no Webminar.
O proxecto culminará coa 2ª Gala da Lusofonía, que terá lugar o 23 de novembro no Centro Cultural da Guarda. Baixo o título “A República dos Sonhos”, a gala, presentada pola xornalista Esther Estévez, combinará música, entrevistas e conexións internacionais para celebrar a irmandade entre Galicia e o mundo lusófono. Inspirada na obra da escritora brasileira Nélida Piñón, a gala explorará os soños, lendas e historias que unen ambas beiras do Atlántico, desde realidade como a emigración, a cultura ou o comercio. A Gala retransmitirase en directo pola IGADI TV (Canle de YouTube do IGADI). Para inscribirse cómpre cubrir o seguinte formulario.
A través deste proxecto, a Deputación de Pontevedra dá un paso máis na proxección internacional do territorio, reafirmando os lazos coa lusofonía, un espazo de oportunidades culturais e económicas no mundo interdependente do S.XXI. Poden atopar máis información na web lusofonias.hub.gal
Ningún comentario:
Publicar un comentario