29 de out. de 2024

VIGO

A CIG-Servizos mobilizarase coincidindo co xuízo polo despido dunha delegada de Oysho  

A empresa do grupo Inditex rescindiulle o contrato ao regresar dunha baixa de longa duración e tras terlle modificado a conciliación


Tenda de Oysho no centro comercial Gran Vía
Foto: CIG
 

Infogauda / Vigo

 A CIG-Servizos mobilizarase a semana que vén en Vigo coincidindo coa celebración do xuízo no que se reclama a nulidade do despedimento da ex delegada da central sindical no centro de traballo de Oysho no centro comercial Gran Vía. A empresa do grupo Inditex rescindiulle o contrato tras abrirlle un “protocolo de ética” cheo de irregularidades unha vez que se reincorporou dunha baixa de longa duración por enfermidade e tras terlle modificado a conciliación para o coidado de menor a pesar de tratarse dunha familia monoparental. 

 O vindeiro luns 11 de novembro terá lugar o xuízo para reclamar a nulidade do despido disciplinario, pero antes, a semana que vén, a CIG-Servizos desenvolverá unha concentración diante do centro de traballo de Oysho no centro comercial Gran Vía para rexeitar a decisión e denunciar a actitude da dirección da compañía do grupo Inditex. 

 Os problemas para a traballadora, que era delegada sindical da CIG na empresa e que tiña unha redución de xornada para o coidado de menor, comezaron cando en 2020 queda de baixa de longa duración por enfermidade. As súas compañeiras aproveitan para solicitar a súa revogación como delegada, optando ela mesma por presentar a dimisión.  

 Posteriormente, cando se lle remata a redución de xornada solicita unha conciliación nas mesmas condicións que tiña na redución de xornada por seren familia monoparental, pero a empresa denégalla. Decide reclamar no xulgado, mais perde a demanda, polo que ten que reincorporarse cunha adaptación de xornada que lle facilita a empresa. “Cámbianlle todos os horarios coa escusa de que é para permitirlle a conciliación á actual delegada de CCOO, que ademais é a encargada da tenda”, sinalan dende a CIG-Servizos.  

 Nada máis reincorporarse da baixa, e aproveitando que xa non é delegada, Oysho comunícalle a apertura dun “protocolo de ética” cheo de irregularidades, “comezando polo feito de que teoricamente ten que  facelo unha empresa externa, pero neste caso fíxoo a propia Inditex”. Ademais, o protocolo resolveuse o mesmo día no que se lle entregou a carta de despido, polo que non se lle permitiu defenderse das acusacións. 

 Por todo isto na CIG consideran que a decisión de despedila xa estaba tomada co obxectivo de desfacerse da traballadora. De feito, a empregada levaba anos solicitando o traslado a outra tenda, movemento que era posíbel porque había unha compañeira que estaba disposta a facer a permuta. “Non hai que esquecer que foi durante a época na que esta traballadora exerceu de delegada sindical cando se lograron os únicos acordos que melloraron as condicións laborais”, inciden dende a central sindical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario