15 de out. de 2024

VIGO

X Xornadas Divulgativas sobre o Papel da Muller no Sector Pesqueiro e Conserveiro

 Terán lugar o xoves 24 de outubro ás 12:00h, no Museo Verbum, de Vigo




Infogauda / Vigo

 As fundacións FUNDAMAR e FUNPROMAR,  desexan convidar a participar nas X Xornadas divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro, que terán lugar o xoves 24 de outubro ás 12:00h, no Museo Verbum de Vigo, no marco do programa SEREAS “as mulleres do mar”, ao servizo da divulgación e visibilización da muller no sector mar-industria.     

 Este evento é moito máis que unha homenaxe; representa décadas de esforzo e compromiso por parte de miles de mulleres que teñen contribuído de maneira decisiva ao desenvolvemento económico e social das nosas costas. A través do programa SEREAS, durante 10 anos, as devanditas organizacións, traballaron para dar visibilidade a esas historias que tantas veces quedaron na sombra. As fundacións FUNDAMAR e FUNPROMAR, a través desta colaboración de longo percorrido, reafírmanse no seu compromiso con dignificar e preservar o legado das mulleres do mar.     

 Nesta edición, presentararán dous novos audiovisuais que reflicten a diversidade do sector:  

• Carmen Chamorro, armadora, redeira e presidenta de ACERGA, simboliza a forza e liderado da muller na parte extractiva do mar. 

• Un retrato coral das mulleres da empresa metalográfica La Artística, que dá visibilidade ao seu incansable traballo na transformación dos produtos do mar.   

 Ademais, presentarán tamén a nova versión da web do proxecto SEREAS, que recolle anos de investigación e testemuños, así como o repositorio físico e dixital das profesións femininas vinculadas ao mar.     

 SEREAS non é só un proxecto, é unha plataforma que, ano tras ano, rescata e comparte o valor das mulleres que conforman o sector mar-industria, reivindicando o seu papel crucial na economía e na sociedade. Este acto, grazas ao apoio da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, volve ser unha oportunidade para recoñecer e amplificar as voces das mulleres que fixeron e fan historia.     

Inscricións previa (ata o luns 21/10/24):https://forms.gle/Ku2Zd5jdNHsa4jwv5  

+ INFO:  

FUNPROMAR

Mariña Lopez 

mlopez@anfaco.es  

FUNDAMAR

Maria Caldeiro 

mcadeiro@fundamar.org 

Ningún comentario:

Publicar un comentario