14 de out. de 2024

VIGO

O persoal de Clece na empresa GKN rebélase contra a precarización das condicións laborais 

 A compañía que se encarga da limpeza na firma da automoción viguesa recortou o tempo efectivo de traballo e está a despedir empregados/as  


Os traballadores/as aproveitaron a xornada de loita para levar a cabo unha manifestación dende a porta de Stellantis até a sede de GKN no polígono industrial de Balaídos

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O cadro de persoal de Clece, que se encarga da limpeza na empresa de automoción GKN de Vigo, está a secundar a folga parcial convocada pola CIG-Servizos para rexeitar a precarización das condicións laborais e a vaga de despedimentos dos últimos meses. Os traballadores/as aproveitaron a xornada de loita para levar a cabo unha manifestación dende a porta de Stellantis até a sede de GKN no polígono industrial de Balaídos. 

 Cos paros de catro horas por quenda, que se desenvolven de 10:00 a 14:00, de 14:00 a 18:00 e de 2:00 a 6:00 horas, os arredor de 30 empregados/as Clece queren denunciar os recortes en tempo efectivo de traballo para desenvolver as distintas tarefas das que se encarga o persoal e rexeitar a vaga de despidos dos últimos meses. 

 De xeito que menos persoas teñen que asumir unha maior carga de traballo, o que se traduce nun aumento do risco psicosocial laboral (estrés, ansiedade e outros problemas de saúde mental e mesmo física). En consecuencia, as baixas médicas por incapacidade temporal están a incrementarse, até o punto de que nestes momentos sete persoas se atopan nesta situación. 

 Ademais, dende a representación sindical (tres delegados da CIG) advirten que as rescisións de contrato que a dirección de Clece está a levar a cabo “poñen en risco a capacidade da empresa para asumir o servizo de limpeza externalizado por GKN”. 

 Diante disto, o cadro de persoal optou por poñer en marcha un calendario de mobilizacións que comezou hoxe cos paros parciais e unha manifestación que percorreu a Avenida de Citroën este mediodía ao berro de “Emprego digno en Clece-GKN” e “Non máis recortes, non máis despidos”. As protestas continuarán no caso de que a empresa non dea marcha atrás. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario