Tomiño vai acoller unha nova visita dunha unidade móbil de doazón de sangue
• O autobús estará situado na rúa Daniel Calzado Poceiro o vindeiro venres 25 de outubro de 16.00 a 21.00 horas
Infogauda / Tomiño
Tomiño remata outubro achegando de novo a súa pinga de solidariedade. O vindeiro venres 25 de outubro unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue estará na rúa Daniel Calzado Poceiro coas portas abertas para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. Nesta ocasión, o autobús estará de 16.00 a 21.00 horas.
A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades. Dende a Axencia lembran que nestes intres están baixas as reservas dos grupos A+ e 0- e convida a toda a veciñanza a doar.
Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. Dende a Axencia lembran que as mulleres poden doar 3 veces ao ano e os homes catro e que cada doante que achega a súa pinga solidaria desde os 18 aos 65 anos podería salvar a máis de 500 persoas.
As persoas interesadas en doar deben lembrar que só poden doar os maiores de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación
Ningún comentario:
Publicar un comentario