O secretario xeral da Emigración cualifica o centro galego O Noso Lar, da República Dominicana, como un espazo de encontro e celebración da cultura galega
• Antonio Rodríguez Miranda participou nun encontro coa colectividade nun acto organizado por este centro galego e ao que asistiron o embaixador de España na illa entre outros convidados
Infogauda / Santo Domingo (República Dominicana)
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro coa colectividade galega na República Dominicana nun acto organizado polo centro galego O Noso Lar, tras varios anos de inactividade. No acto participaron o novo responsable do centro, Antonio Sánchez, o embaixador de España na illa, Antonio Pérez Hernández, e preto de 200 convidados, entre os que se atopaban empresarios e mozos galegos residentes na contorna.
Miranda animou aos galegos residentes na República Dominicana a participar activamente nas actividades do centro, subliñando a importancia de contar cun espazo de encontro que manteña vivas as raíces galegas e fomente a unión da comunidade. Tamén destacou o compromiso do Goberno galego para apoiar proxectos que promovan a cultura galega no exterior.
O responsable do centro, Antonio Sánchez, agradeceu o apoio recibido e compartiu os plans de futuro da entidade, que inclúen a organización de eventos culturais, formativos e sociais ao longo do ano 2024, co obxectivo de converter O Noso Lar nun referente para os galegos da República Dominicana.
A nova xunta directiva do Centro Galego O Noso Lar, da República Dominicana está formada por Antonio Sánchez Espantoso como presidente; Eduardo Pahino Torres como vicepresidente; Leandro Tajes Grille no cargo de secretario; Manuel Benito Otero Sobrino como tesoureiro; e os vogais Jaime Cruna Corbelle, José Ángel Rozas Ramos e Juan José Leira Álvarez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario