Bono Cultural Xove 2024
Abel Losada anima aos rapaces e rapazas nacidos en 2006 a que aproveiten os últimos días para solicitar o Bono Cultural Xove
Este xoves remata o prazo para solicitar este bono de 400 euros para entradas, música, prensa ou videoxogos
9.089 mozas e mozos da provincia poden solicitar esa axuda, que supón unha inversión de case 3,5 millóns de euros en produtos culturais
Na convocatoria de 2023 máis de 6.000 persoas pediron o seu bono
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anima aos máis de nove mil rapaces e rapazas da provincia nacidos no ano 2006 a que aproveiten estes últimos días para solicitar o Bono Cultural Xove e así poder dispoñer de 400 euros para a adquisición de produtos culturais.
O prazo para a solicitude do Bono Cultural Xove remata este xoves, 31 de outubro, polo que “restan moi poucos días para que as mozas e mozos que cumpren 18 anos neste 2024 o poidan solicitar través da páxina web habilitada a tal efecto, aínda que logo dispoñen de todo un ano para consumilo nas diferentes modalidades que se contemplan”.
O subdelegado fixo fincapé en que “se o pediran as 9.089 posibles persoas beneficiarias estaríamos falando dunha inversión en produtos culturais superior aos 3,5 millóns de euros”. As solicitudes presentadas nos primeiros oito meses do ano chegaban case ao 60% dos posibles beneficiarios e beneficiarias. No ano 2023, 6.069 persoas da provincia solicitaron a axuda, permitindo mobilizar máis de 2,4 millóns de euros no sector cultural.
Abel Losada informou que na provincia existen 119 establecementos adheridos a esta iniciativa, o fai que o Bono Cultural tamén teña un impacto moi positivo sobre o comercio local e sobre as industrias culturais.
3 tramos e 400 euros dispoñibles
O Bono Cultural Xove está dotado con 400 euros que se dividen en 3 tramos para promover o acceso a diversas expresións culturais:
• 100 euros para produtos culturais en soporte físico como libros, cómics, revistas, prensa ou discos.
• 100 euros para consumos dixitais como subscricións a plataformas de música, prensa dixital, audiolibros, descarga de pódcast ou videoxogos en liña.
• 200 euros para artes escénicas como teatro, ópera, cinema, danza ou museos, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario