Unha empresa ‘pirata’ opta á licitación do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas
• O prezo estipulado nos pregos do concurso é insuficiente para garantir unhas condicións dignas para persoas traballadoras e usuarias
Infogauda / Ponteareas
Tal e como advertiron as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas no pleno celebrado o pasado mes de agosto, o prezo de licitación calculado para os vindeiros dous anos de contrato é insuficiente para cubrir o custe do servizo en condicións dignas para traballadoras e usuarias. Abonando deste xeito o terreo para que empresas ‘pirata’ sexan as únicas que se presenten aos concursos, como vén de acontecer unha vez máis.
Finalizada a fase de presentación de ofertas, só a compañía andaluza Óbolo formalizou a súa candidatura a facerse co servizo, oferta que neste intre está a ser valorada polo departamento de Servizos Sociais do Concello.
As traballadoras solicitan ao Concello que antes de tomar a decisión de poñer o SAF en mans desta empresa consulten a hemeroteca e comproben as súas actuacións no Estado español:
<<Las trabajadoras de Ayuda a Domicilio de Sigüenza se concentran para pedir al Ayuntamiento que expulse de la contrata a “la empresa pirata” Óbolo>>
<<La UGT denuncia “incumplimientos” con la plantilla de la nueva concesionaria de Ayuda a Domicilio en El Puerto>>
<<La plantilla del servicio de Ayuda a Domicilio “se siente estafada” por la empresa Óbolo>>
Na CIG consideran que aínda se está a tempo de rectificar, revisando custes ou declarando deserto o concurso. “Pódese ou ben rescatar o servizo para a xestión directa municipal ou ben revisar o prezo para que empresas solventes con presenza en Galiza poidan optar á licitación”.
As traballadoras advirten que ante calquera incumprimento por parte da empresa o conflito vai ser “inmediato e contundente”, porque o cadro de persoal non se pode permitir “nin un paso atrás” no cumprimento dos escasos dereitos laborais cos que conta. Neste senso, lembran que as dúas ultimas concesionarias aínda teñen débedas salariais coas empregadas. “Pero o Goberno local permite que un servizo municipal estea cuberto con mulleres en condicións de precariedade, obrigándoas a ir ano tras ano ao xulgado para cobrar o seu traballo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario