O Rosal abre o prazo de inscrición para participar no seu campamento de Nadal
O Concello pon en marcha un ano máis este espazo de conciliación e diversión para a rapazada do 23 de decembro ao 3 de xaneiro
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude dende o 4 ao 15 de novembro
Infogauda / O Rosal
O Rosal prepárase para un nadal no que nenos e nenas poidan desfrutar das vacacións escolares cunha morea de actividades mentres as familias rosaleiras contan cun apoio esencial para conciliar vida familiar e laboral. O Concello abre vindeiro luns 4 de novembro o prazo de inscrición para participar no campamento municipal de Nadal, unha inicitiva chea de xogos, aprendizaxe e tempo de calidade para os máis pequenos e pequenas.
Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “dende o Concello sabemos o importante que é ofrecer a rosaleiras e rosaleiros alternativas que lles permitan conciliar ao tempo que nenos e nenas desfrutan dunha experiencia educativa pero tamén lúdica coa que dinamizar o seu tempo libre durante estes días non lectivos”.
O campamento de Nadal desenvolverase nas instalacións do CPI Manuel Suárez Marquier os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e os días 2 e 3 de xaneiro, en horario de 08.45 a 14.15 horas. A iniciativa está orientada a nenos e nenas matriculados en 4º, 5º ou 6º de educación infantil ou en educación primaria neste curso escolar, tanto empadroados e empadroadas no Rosal como non empadroados pero que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio. O prazo de inscrición rematará o martes 15 de novembro ás 14.00 horas.
A actividade terá un custo de 20 euros por participante e ofrecerá un total de 20 prazas, reservándose dúas para nenos e nenas que precisen dun apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía.
As solicitudes deberán presentarse por Rexistro de Entrada no Concello do Rosal ou por Sede Electrónica xunto coa autorización de recollida do ou da menor; un cuestionario de saúde e autonomía persoal; fotocopia do DNI do pai, nai, titor ou titora e do libro de familia; a fotocopia da tarxeta sanitaria do neno ou nena e unha vida laboral actualizada dos proxenitores, así como o certificado de recoñecemento de discapacidade da ou do participante en caso de telo ou certificado de monoparentalidade ou título de familia numerosa en caso de darse algunha destas dúas circunstancias.
O Concello elaborará unha listaxe de persoas admitidas e de reserva en función da puntuación obtida en base ás seguintes variables: por traballo de ambos membros da parella ou titores legais, 2 puntos; por traballo dun dos membros, un punto; por familia monoparental, dous puntos; e por pertencer a familia numerosa, dous puntos. A puntuación máxima será de 5 puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario