25 de out. de 2024

O ROSAL

O Rosal afianza o seu compromiso coa sostibilidade no camiño para optar a novas ‘Flores de Honra’   

 O xurado de Vilas en Flor visitou o Concello para avaliar o seu modelo de transformación ecolóxica, piar fundamental da mellora da calidade de vida da veciñanza  


Membros do xurado do Vilas en Flor percorreron acompañado da alcaldesa e edís, varios puntos clave do municipio

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Rosal continúa no seu camiño para converterse nun referente galego en sostibilidade e conciencia ambiental, dous eixos fundamentais para a continua mellora da calidade de vida da súa veciñanza. Trala obtención de dúas ‘Flores de Honra’ na pasada edición, o Concello recibiu este xoves a visita do xurado do certame internacional Vilas en Flor de Galicia co obxectivo de revalidar e incrementar o seu recoñecemento nesta iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes.  

 “A sostibilidade ambiental é para nós unha cuestión estratéxica e transversal que afecta a todas as áreas de decisión e xestión e que forma parte fundamental da transformación do municipio”, declarou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante a visita. A rexedora destacou o impulso do Goberno local a proxectos e accións que consolidan a transformación verde e sostible da vila. “Seguimos traballando para un Rosal que sexa un modelo de respecto e convivencia coa súa contorna natural, un exemplo para outras comunidades”, recalcou. 

 Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), durante a visita os membros do xurado do Vilas en Flor percorreron acompañado da alcaldesa e edís, varios puntos clave do municipio, como As Aceñas, epicentro dalgunhas das actividades de concienciación cidadá realizadas ao redor do patrimonio natural, como os obradoiros sobre a lingua das aves ou de construción de hoteis para insectos ou as andainas interpretativas, de grande éxito de público, nas que se promove a educación ambiental e o coñecemento do patrimonio natural e cultural do Rosal. 

 Proxecto indispensable foi o do campo de fútbol da Mata, o primeiro campo de fútbol de herba artificial de Galicia con recheo ecolóxico, substituíndo o caucho por un recheo realizado con piñas triturada, un material totalmente biodegradable. Unha aposta estratéxica pola sostibilidade que se trasladou tamén ao modelo de xestión do lixo, coa compostaxe como protagonista, e á potenciación dos espazos verdes urbanos e á súa xestión sostible con accións como a instalación de rego por goteo en espazos públicos como a praza do Calvario para un uso máis eficiente da auga ou o apoio e colaboración constante coas traídas de auga veciñais.  

 O Rosal continúa ademais afianzando a súa transformación ecolóxica e apostando por un futuro sostible e innovador con proxectos centrados na mellora da mobilidade peonil en espazos públicos coa transformación de rúas, estradas e prazas e coa súa aposta decidida pola eficiencia enerxética, cunha renovación do alumeado público, a posta en marcha da Oficina de Transformación Comunitaria ou a reforma integral da Escola Unitaria de Tabagón, unha importante remodelación en termos de eficiencia enerxética e sostibilidade que permitirá un aforro do 93% na demanda de calefacción, un 75% no consumo de enerxía primaria non renovable e un 71% nas emisións de CO2. 

 Para a alcaldesa, estas medidas fan do Rosal un exemplo de sostibilidade en Galicia. “Queremos que os rosaleiros e rosaleiras se sintan orgullosos da súa contorna, que a coiden e que participen dun xeito activo na súa preservación. Este é un paso fundamental cara ao noso obxectivo de converter O Rosal unha vila verde, accesible e sostible no que a gran calidade de vida sexa un claro sinal de identidade”, sinalou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario