24 de out. de 2024

O ROSAL

Creatividade e aprendizaxe para todas as idades cos Obradoiros de Outono do Rosal  

 Os sábados de novembro encheranse de arte, xardinería e artesanía cunha proposta única da OMIX do Rosal. Nas actividades terán prioridade as e os menores de 30 anos   


Alejandro González, concelleiro de Xuventude, na presentación dos Obradoiros de Outono
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O outono trae consigo unha nova oportunidade para explorar a creatividade no Rosal. O Concello pon en marcha os Obradoiros de Outono, unha serie de talleres para todas as idades que se realizarán os sábados do mes de novembro.  

 Catro propostas organizadas dende a OMIX que comezarán o 9 de novembro coas kokedamas -plantas naturais elaboradas de maneira artesanal seguindo unha técnica tradicional xaponesa, que consiste en albergar a planta nunha maceta orgánica de musgo en forma de bóla, de aí o seu nome koke (musgo) dama (bóla) -  como protagonistas da man de Willi Melguizo, para continuar o 16 de novembro co obradoiro Pinta a túa cerámica, da man de Conchi Garrido. O sábado 23 de novembro o público participante poderá achegarse á artesanía en coiro, guiado por Medialúa, e o 30 de novembro porase o broche final a todo un mes de actividades co taller de introdución á banda deseñada, con Xosé Tomás. 

 O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, explicou que “o noso obxectivo é ofrecer alternativas culturais e formativas que permitan á xuventude e á veciñanza en xeral explorar novas habilidades e divertirse aprendendo”. Organizados pola OMIX do Rosal, aínda que os obradoiros están abertos a todos os públicos o Concello dará prioridade ás e aos menores de 30 anos. “Queremos que a mocidade teña un espazo propio, onde non só poidan participar e desfrutar de actividades de calidade, senón tamén descubrir novas paixóns”, engadiu o edil. 

 Os talleres terán un prezo reducido e irase publicando a información relativa a modo de inscrición, horarios, lugares de celebración e custe nas vindeiras semanas na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario