‘Dada a trasna’ enche de maxia os ‘Venres Rebuldeiros’ do Rosal
• Este venres 25 de outubro, ás 18.00 horas, de balde, a Biblioteca municipal acollerá unha sesión de contos, valores e diversión de Patricia Martínez
Infogauda / O Rosal
A aventura dos libros volve esta semana á biblioteca municipal do Rosal coa última sesión deste mes de outubro dos ‘Venres Rebuldeiros’, un ciclo de contacontos que busca introducir á cativada no apaixonante mundo da lectura e da literatura dun xeito ameno e divertido.
Este venres 25 de outubro, a partir das 18.00 horas, a contadora de historias Patricia Martínez presentará á cativada a súa ‘Dada a trasna’, unha animada personaxe que deleitará ao público cun repertorio de contos nos que se traballarán valores tan importantes como a convivencia e a igualdade, o respecto polo medio ambiente e o traballo en equipo. Fantasía e aprendizaxe para fomentar o hábito lector entre os máis pequenos e pequenas, facendo da lectura unha experiencia única e entretida para todas e todos os asistentes. Nesta ocasión a actividade está dirixida especialmente a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida a todas as familias a participar nesta nova oportunidade de desfrutar dun evento de lecer e educativo que converterá de novo á biblioteca rosaleira “nun espazo no que a nosa cativada descubrirá o amor pola lectura ao tempo que se interiorizan valores fundamentais para un futuro mellor”.
Esta actividade, de balde, está enmarcada na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario