A Agrupación Musical do Rosal fai historia no Certame Galego de Bandas
• A formación rosaleira acadou a máxima puntuación do certame cunha obra de máxima dificultade a nivel solista e banda
A rotunda vitoria no Certame Galego de Bandas de Música confirma ao Rosal como un referente cultural e musical en Galicia
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A Agrupación Musical do Rosal vén de asinar unha páxina inesquecible na historia musical de Galicia. Con 641 puntos, a formación rosaleira acadou a máxima puntuación no Certame Galego de Bandas de Música organizado pola Federación Galega de Bandas de Música e proclamouse gañadora da sección primeira interpretando como obra libre ‘Wine-Dark Sea’, de John Mackey, unha obra de máxima dificultade tanto para solista como para banda.
É a primeira vez que unha agrupación se atreve a levar unha composición deste calibre a un certame, marcando un fito sen precedentes. Ademais, como peza de presentación, a Agrupación Musical do Rosal interpretou ‘Gallaecia’, de José Bugallo Senra, e a obra ‘Imaxes Olívicas’ a proposta pola organización, seleccionada entre as obras premiadas en anteriores edicións do concurso.
Esta vitoria non só coroa un traballo de preparación exhaustivo, senón que tamén subliña o crecemento musical que está a vivir nestes momentos O Rosal, en gran parte grazas ao esforzo incansable de Agrupación e de todas e todos os seus integrantes. “A súa capacidade para asumir retos e superarse cada día reflicte o compromiso e paixón por facer medrar o noso talento local”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora quixo dar os parabéns á Agrupación Musical do Rosal por este logro “que representa moito máis que unha vitoria. Recolle a enorme ilusión e o gran traballo da directiva e de todas as persoas que forman parte deste gran proxecto colectivo, con Javier Alonso Pérez á cabeza. O esforzo, o sacrificio e a calidade humana que demostran cada día son a clave para todo o que conseguen”.
A rotunda vitoria no Certame Galego de Bandas de Música confirma ao Rosal como un referente cultural e musical en Galicia “co esforzo e tesón de todas e todos os que loitan para que a música siga sendo unha das bandeiras do noso concello. O traballo da Agrupación deixa unha pegada fonda na historia musical da nosa terra”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario