30 de out. de 2024

MOS

Galicia Suroeste dá un novo paso cara á transparencia e a sostibilidade   

O grupo de desenvolvemento rural aprobou na súa asemblea xeral a Declaración Institucional en materia antifraude como parte das súas accións como xestor do Plan de Sostibilidade Turística en Destino  


Sandra González - no centro -, presidenta do grupo de desenvolvemento rural Galicia Suroeste, coas demais persoas que forman parte da nova xunta directiva deste grupo de desenvolvemento rural
Foto: G.S.

Infogada / Mos 

 Galicia Suroeste continúa dando pasos firmes no seu compromiso coa transparencia, a sostibilidade e a ética na xestión turística. Na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada este martes en Mos, o grupo de desenvolvemento rural aprobou a súa Declaración Institucional en materia antifraude, unha declaración acordada ao abeiro do Plan de Prevención de Riscos de Xestión e Medidas Antifraude, un marco ético pioneiro de tolerancia cero coa que marca un antes e un despois na súa xestión. 

 Proposta pola Comisión Antifraude de EuRural, esta declaración ratifica o compromiso de Galicia Suroeste coa defensa dos intereses sociais, económicos, profesionais e culturais da sociedade rural galega con honestidade e dedicación, con responsabilidade e integridade na administración de recursos públicos, cunha gobernabilidade baseada no capital humano do territorio e nas capacidades das e dos seus profesionais e coa cohesión e a convivencia no territorio como factores clave de progreso. 

 Con esta acción, Galicia Suroeste EuRural establece os máis altos estándares de cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e a súa adhesión aos máis estritos principios de integridades, obxectividade e honestidade para previr calquera acto fraudulento. O grupo de desenvolvemento rural toma esta medida como entidade xestora do Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A despensa de Galicia’, un plan de acción que prevé o investimento de 1,5 millóns de euros en diferentes iniciativas nos 13 municipios do territorio. Deste xeito, establece os principios e normas en materia de antifraude e anticorrupción e co fin de evitar os posibles conflitos de interese relacionados cos fondos procedentes do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, financiado pola Unión Europea a través de fondos Next GenerationEU.  

 Por outra banda, a Asemblea aprobou tamén o Regulamento Interno de Contratación de Eurural, que regula as normas organizativas e internas relativas á tramitación de contratos en cada fase do procedemento. Estes avances reafirman o compromiso de Galicia Suroeste co desenvolvemento sustentable e ético do turismo no territorio, buscando sempre a implicación activa de todos os seus membros e a participación cidadá na promoción dun futuro máis transparente e responsable. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario