BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés recibe a Granollers cun plantel curto
• O pavillón municipal A Sangriña acollerá este sábado ás 19:00 horas, a quinta xornada da tempada, na que o Mecalia Atlético Guardés tratará de manter a súa condición de líder invicto contra un Granollers que procurará colleitar a súa primeira vitoria
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés vai recibir na casa a quinta xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025. Será este sábado 12 de outubro ás 19:00 horas, no pavillón municipal A Sangriña, onde as de Ana Cristina Teixeira Seabra tratarán de defender o seu liderado e a súa condición de invictas, recibindo a un KH-7 BM Granollers que aínda non sabe o que é gañar esta tempada. Farano cun plantel curto, ao que se suma a baixa de Elena Martínez tras unha lesión complicada no último partido, e na que continúan as ausencias de María Sancha e Jazmín Mendoza.
O equipo da Guarda continúa inmerso nunha racha inmellorable, sumando a pasada semana dous puntos importantísimos ao vencer a Rocasa Gran Canaria nun complicado partido a domicilio. A fortaleza e actitude levaron ao plantel de Ana Cristina Texeira Seabra a vencer case pola mínima ás de Telde no derradeiro minuto (25-27), tras acumular os 59 anteriores aguantando a presión e sen deixarse caer no marcador. Este sábado, o Mecalia tratará de valerse da súa afección para volver facer o propio, se ben é consciente de que chega con moitas dificultades ao que se presenta coma un dos partidos máis esixentes ata o momento.
E é que a semana pasada, precisamente no encontro en terras canarias, sumouse unha ausencia máis a un plantel guardés que xa se atopaba falto de xogadoras. Unha caída complicada de Elena Martínez apunta a unha lesión importante, con diagnose aínda por confirmar e da que o equipo segue á espera de novidades, pero que probablemente a deixe fóra da pista durante os próximos meses, se non polo resto da tempada. Esta nova baixa supón un duro golpe para os efectivos do Mecalia Atlético Guardés, dos que tamén hai que excluír a María Sancha, que continúa á espera de se recuperar da súa rotura nun dedo da man dereita. Outro baleiro que o equipo terá que ter en conta será a de Jazmín Mendoza, que aínda que vai na convocatoria, continúa cunha inflamación leve de nocello tras unha escordadura e evitarase que saia á pista mentres non sexa estritamente necesario. Ademais, nesta ocasión a adestradora Ana Cristina Teixeira Seabra non poderá contar con ningunha xogadora xuvenil por incompatibilidade de horarios coa competición autonómica.
Esta situación de escaseza no plantel, por outra parte, vese en certo modo contrarrestada coa volta de Blazka Hauptman, que xogará contra o Granollers por primeira vez tras recuperarse da rotura do menisco interno e do ligamento cruzado posterior no xeonllo dereito que sufriu a finais da pasada tempada.
Lesións aparte, outra das dificultades que afrontará o Mecalia Atlético Guardés esta fin de semana é a experiencia e fame do seu rival. O Granollers, vello coñecido para as da Guarda, comezou con mal pé a tempada 2024/2025 e chega á Sangriña na parte baixa da táboa, en décimo posto, pendente aínda de sumar a súa primeira vitoria. Tras finalizar sétimo o ano pasado na categoría, as de Robert Cuesta tamén sufriron o peso das lesións nas últimas xornadas, pero espérase delas unha dura pelexa e un ritmo moi esixente.
Dos últimos encontros entre ambos equipos pode extraerse unha igualdade que promete poñer en apuros ás anfitrioas. Na derradeira visita do conxunto catalán á Sangriña, hai exactamente un ano, o Mecalia Atlético Guardés alzouse coma vencedor axustado (34-31), se ben sucumbiu (31-22, febreiro de 2024) na súa visita a terras catalás na segunda volta da tempada. De calquera xeito, as de Ana Cristina Teixeira Seabra tratarán de ir a pola fazaña e facer do Inferno un necesario fortín dende o que defender o seu liderado e sobrepoñerse ás dificultades.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Non temos partidos doados”
A técnica do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, confirma o perigo que ve no Granollers como rival: “Outra xornada de respecto cun equipo que primeiro, busca marcar puntos, e logo, que sempre nos causa moitos problemas, con xogadoras con tiro forte de primeira liña e con moita calidade”.
A adestradora lusa é consciente, ademais, da vantaxe que supoñen as ausencias nas súas filas para as catalás: “Sabemos que Giulia Guarieiro recuperouse e vai estar co seu equipo axudando, e axuda tanto defensiva coma ofensivamente”.
Porén, Seabra confirma tamén na resiliencia das súas, demostrada ben ás cheas ao longo de todo este comezo de tempada. “Somos conscientes das dificultades que imos ter, pero tamén durante a semana traballamos duro para nos preparar e para loitar por outros dous puntos”, indica, insistindo en que cada xornada é un reto: “Non temos partidos doados, e este vai ser outro partido difícil no que temos que ser intelixentes e amosar, co apoio de todos, que queremos que os dous puntos queden na casa”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola
Xornada 5
Mecalia Atlético Guardés – KH-7 BM Granollers
Sábado, 12 de outubro, ás 19:00 horas, no pavillón municipal da Sangriña.
En directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario