OBITUARIO
Faleceu o reverendo padre Luis López Castelo
Superior dos PP. Somascos de A Guarda. Ex administrador parroquial de Santa María de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Faleceu o padre Luis! Con tan soio esas palabras, que nos referiu unha persoa da nosa familia, nas primeiras horas da tarde deste luns, 21 de outubro de 2024, recibimos a triste nova do pasamento do reverendo padre don Luis López Castelo.
O padre Luis, como todos o coñecíamos, era o superior dos PP. Somascos, na vila de A Guarda, ademais de haber sido administrador parroquial de Santa Maria de A Guarda, cargo interino que desempeñou previamente o nomeamento do actual párroco don Juan José González Estévez.
Do padre Luis quédanos - entre outras lembranzas - o seu sorriso, a súa cercanía no trato, súa total disposición para o labor eclesiástico do día a día,..., e sobor de todo, súa amizade, seu entusiasmo e seu apoio ao ímprobo traballo das mulleres e homes que cada ano levan a bo termo a realización das alfombras de flores e de sal na honra do Santísimo Sacramento.
Seu inesperado falecemento sorprendeunos, deixándonos sen palabras. Pero a vida é así, imprevisible.
O pasamento do padre Luis aconteceu en Caldas de Reis. Seu corpo será velado na capela do colexio PP. Somascos de A Guarda, este martes, 22 de outubro, entre ás 10:00 e ás 15:30 horas.
Ás 16:00 horas, na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, será oficiado un funeral polo seu eterno descanso.
Posteriormente será trasladado a súa parroquia natal de Santa María de Castro, no concello de Begonte (Lugo), onde o mércores día 23, recibirá cristina sepultura no cemiterio parroquial.
Descanse en paz o padre Luis, un entrañable ser humano, que coa súa bonhomía deixa en todas as persoas que tivemos a sorte de coñecelo e tratalo, un oco na amura interna de cada un de nós, que non será doado de calafatear.
Ningún comentario:
Publicar un comentario