21 de set. de 2024

TOMIÑO

Tomiño lidera a promoción municipal do benestar emocional das persoas maiores cun proxecto pioneiro en Galicia  

 Concello e Afundación asinan un convenio para a posta en marcha do programa ‘Coñecendo as emocións’, converténdose no único municipio galego en adherirse  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asinando o convenio de colaboración, en presenza do coordinador institucional de ABANCA, José Luis Romero, e doutras persoas que asistiron ao acto, celebrado na Alcaldía do Concello de Tomiño
Fotos: C.T.



Infogauda / Tomiño 

 Tomiño colócase á vangarda do benestar emocional para persoas maiores. Concello e Afundación veñen de asinar un convenio para desenvolver na localidade o programa piloto ‘Coñecendo as emocións’, unha iniciativa única en Galicia a nivel municipal que busca mellorar a calidade de vida deste colectivo a través da xestión das súas emocións no día a día.  

 A alcaldesa, Sandra González, destacou a relevancia deste proxecto e “o orgullo que supón para o noso concello ser o primeiro Concello en toda Galicia en apostar por unha iniciativa tan innovadora e necesaria. Queremos que as nosas e os nosos maiores se sintan acompañados e teñan as ferramentas para mellorar o seu benestar emocional”. 

 O programa contempla unha serie de actividades dúas horas á semana durante os vindeiros tres meses que serán impartidas por profesionais da psicoloxía e estarán abertas con prazas limitadas. As persoas maiores poderán optar entre participar nesta iniciativa a través do Concello, con psicólogos da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAGA), ou no Centro de Día de Tomiño, coa colaboración do seu equipo especializado. 

 “O noso obxectivo é proporcionar ferramentas prácticas que axuden ás persoas maiores a xestionar mellor as súas emocións, nun contexto seguro e de confianza, explicou o concelleiro de Benestar Social, Rubén Filgueiras, que resaltou “o importante que é este tipo de apoio para mellorar a calidade de vida e reducir a soidade

 A sinatura do convenio de colaboración para a posta en marcha desta iniciativa contou coa participación xunto da alcaldesa e o concelleiro de Benestar Social da coordinadora da Área de Envellecemento Activo de Afundación, Isabel Couceiro; da coordinadora do Espazo +60 Afundación Ferrol, Mercedes Garnelo; do coordinador institucional de ABANCA, José Luis Romero; e de representantes de AFAGA. 

 O Concello convida a todas as persoas maiores interesadas en inscribirse e participar neste proxecto pioneiro que permite ao Concello de Tomiño marcar un novo fito na atención ao benestar íntegro da súa veciñanza maior. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario