2 de set. de 2024

PONTEVEDRA

Presentación da nova xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller 

A Subdelegación do Goberno reforza a loita contra a violencia de xénero coa incorporación da subinspectora María José Rodríguez   

Abel Losada recibe á nova xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra recibiu hoxe á nova xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller
Fotos: S. de G.
Nesta primeira xuntanza, na que tamén estiveron presentes persoal da Subdelegación do Goberno


Infogauda / Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu hoxe á nova xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, a subinspectora da Policía Nacional, María José Rodríguez.  

 Nesta primeira xuntanza, na que tamén estiveron presentes persoal da Subdelegación do Goberno, o subdelegado deulle á benvida á nova responsable, coa que fixou os novos obxectivos deste servizo. María José Rodríguez vén a substituír a Manuela Vilaboy, a quen o subdelegado agradeceu o seu desempeño e labor.  

 Abel Losada amosouse moi satisfeito con esta nova incorporación que “provén da Policía Nacional, ten unha ampla experiencia e será unha peza fundamental do sistema VioGén na provincia, do que forman parte 17 concellos”. Ademais, como responsable da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación realizará un seguimento dos recursos e servizos estatais en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero, en coordinación coas diferentes administracións. 

 O subdelegado subliñou o compromiso total “desta Subdelegación e do Goberno de España na loita contra violencia sobre as mulleres” e lembrou que os 61 concellos da provincia recibiron este ano case 600.000 euros dos fondos do Pacto do Estado, o que supón un 52% de incremento con respecto ao investido polo anterior executivo.  

Unha policía para reforzar á loita contra a violencia sobre as mulleres   

 María José Rodríguez Pérez é subinspectora da Policía Nacional, corpo do que forma parte desde hai 18 anos. Ata este verán, era a responsable da Brigada de Seguridade Cidadá da Comisaría Local de Ribeira. Previamente pasou pola Comisaría Local de Vigo-Redondela, onde formaba parte do Grupo de Atención á Cidadanía e ocupábase da activación de protocolos relativos á violencia e agresión sexual, da recepción e xestión de alertas do Centro Cometa, dos casos de violencia de xénero de risco alto ou extremo, así como da xestión a nivel provincial da aplicación Alertcops. Previamente foi investigadora da Brigada de Branqueo de Capitais da UDEF, na Comisaría Xeral da Policía Xudicial, onde participou en diversas operacións. Posúe dúas cruces ao mérito policial con distintivo branco. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario