30 de set. de 2024

O ROSAL

O Rosal, A Guarda e A Laracha asinan un Pacto de Amizade para recuperar a memoria das telleiras  

 Autoridades, cabaqueiros rosaleiros e familiares, participaron no municipio coruñés nun acto de irmandade que rematou coa presentación do libro  ‘As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño’, de Xabier Maceiras   


De esq. á der.: Roberto José Álvarez Carrero, José Manuel López Varela e Ánxela Fernández Callís, alcaldes e alcaldesa, de A Guarda, A Laracha e O Rosal, respectivamente, no acto de sinatura do Pacto de Amizade
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 Un pasado de barro (xunca, na xerga dos cabaqueiros ou telleiros) e tellas (cabacas) que une terras e xeracións. Os concellos do Rosal, A Guarda e A Laracha deron un paso máis na súa irmandade arredor das tellas cun acto celebrado esta fin de semana no municipio coruñés no que asinaron un Pacto de Amizade que culmina un camiño iniciado xa a principios de ano. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; concelleiras e concelleiros e cabaqueiros rosaleiros e os seus familiares participaron neste encontro que marca o inicio dunha nova etapa de colaboración para recuperar a memoria e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial que compartiron durante décadas vinculado ás antigas telleiras. 


Pedro - natural do Cancelo -  e José Álvarez, (Pepe O Buraco) taxicando (facendo) cabacas (tellas) á ghoucha (a man), na Laracha
Foto: C.A.L.

 A xornada, cargada de emocións, contou cun roteiro guiado por antigas telleiras e cunha demostración en vivo da fabricación artesanal de tellas de José Álvarez Alonso (Pepe, O Buraco), un personaxe senlleiro do Rosal, cabaqueiro retirado e memoria vida dun oficio que se viviu en case todas as familias rosaleiras da época. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia deste proxecto: “Recuperar e manter viva a historia das telleiras é preservar a identidade común dos nosos pobos. O pacto sela a nosa vontade de continuar coidando e difundindo o noso legado cultural”.  

 O acto pechouse coa presentación do libro ‘As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño’, do escritor e investigador Xabier Maceiras que documenta o vínculo entre os tres concellos e a súa relevancia na industria artesanal de Galicia dende inicios do século XX ata a actualidade. O libro pon de manifesto a importancia do Baixo Miño na historia das telleiras larachesas, cun peso fundamental tanto dos empresarios procedentes da comarca como de baixomiñotos que achegaban a man de obra nas telleiras. Como sinalou a rexedora, “este libro non só recolle os feitos históricos, senón tamén as historias de vida que marcaron á nosa xente, á nosa terra e as relacións que nos unen co pasado”. 

 O irmandamento entre O Rosal, A Guarda e A Laracha é dos primeiros pasos dunha serie de iniciativas que buscarán fomentar a investigación sobre as telleiras e os cabaqueiros locais e as súas tradicións, desenvolver actividades que transmitan á veciñanza coñecementos sobre os oficios tradicionais, visibilizar ao público os espazos e lugares asociados historicamente a esta industria e destacar as relacións laborais e de amizade entre baixomiñotos e bergantiñáns. “Conservando o noso pasado, aseguramos o noso futuro”, concluíu a rexedora.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario