28 de set. de 2024

O BAIXO MIÑO

Galicia e Portugal avalían o borrador do Plan transfronteirizo da paisaxe do Baixo Miño para garantir a preservación deste espazo natural 

 O proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza  


Esta iniciativa ten como obxectivo a eliminación de especies invasoras, a mellora dos observatorios de aves, a restauración das infraestruturas peonís e a instalación de sinalización informativa que poña en valor a contorna paisaxística e ambiental do estuario

Foto: X.G.

Infogauda / O Baixo Miño

 Galicia e Portugal avaliaron o primeiro borrador do Plan transfronteirizo da paisaxe do Baixo Miño no marco do encontro dos socios do proxecto Green Gap que tivo lugar recentemente na localidade pontevedresa de Tomiño.  

 Durante a reunión, os participantes analizaron o proxecto, que suporá un marco de planificación compartida entre Galicia e o Norte de Portugal para a posta en valor deste espazo singular e de alto valor ambiental e paisaxístico e o deseño de accións de ordenación e mellora dos impactos detectados para mellorar a súa adaptación ao cambio climático.  

 A maiores, os socios deste programa, que se desenvolve baixo o liderato do Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, tamén avaliaron o proxecto técnico de mellora paisaxística no Estuario do Río Miño, que, cun orzamento de preto de 200.000 euros, se levará a cabo nos concellos da Guarda, O Rosal e Tomiño.  

 Esta iniciativa ten como obxectivo a eliminación de especies invasoras, a mellora dos observatorios de aves, a restauración das infraestruturas peonís e a instalación de sinalización informativa que poña en valor a contorna paisaxística e ambiental do estuario. De feito, os socios participantes tamén visitaron a área de Tomiño na que se desenvolverá este proxecto para coñecer de primeira man os retos actuais e as solucións propostas.  

Proxecto Green Gap 

 Estas iniciativas enmárcanse no proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cuxo obxectivo é contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza.  

 Con tal fin, inclúe tres fases: unha primeira de planificación, unha segunda de desenvolvemento e implantación, na que se atopan inmersos os socios para acadar exemplos de boas prácticas en materia de infraestrutura verde e paisaxe resiliente, e unha terceira etapa para a formación e capacitación na materia. A maiores, inclúe tamén un conxunto de accións para a correcta comunicación e difusión dos resultados.  

 Cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), na iniciativa participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.  

 Pola parte galega están implicadas a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario