30 de set. de 2024

CULTURA

Miguel Rodríguez Monteavaro gaña o XXII Premio de Poesía Afundación, co que colabora a Xunta de Galicia

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta o papel do certame no reforzo da produción poética en galego que levan facendo durante máis de 20 anos 


No fallo do certame estivo presente o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O escritor Miguel Rodríguez coa obra Penácaros fíxose esta tarde co XXII Premio de Poesía Afundación, promovido por esta institución, pola Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. No fallo do certame estivo presente o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen destacou a contribución á produción poética en galego e ao enriquecemento da creación cultural galega durante máis de 20 anos.  

 O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, felicitou ao gañador por pasar a formar parte “dun selecto grupo formado por importantes nomes da poesía galega contemporánea como, Rafa Vilar, galardoado na pasada edición, ou Yolanda Castaño, recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2023”. Neste senso, desexoulle a Miguel Rodríguez “moitos éxitos no futuro porque isto sempre será unha boa nova para a nosa literatura e porque reflicte o bo momento que está a vivir o noso sector cultural”.  

 Miguel Rodríguez Monteavaro (Asturias, 1990) é un filólogo, escritor e músico asturiano, profesor da Universidade de Oviedo e conta con multitude de galardóns como o Premio Asturias Joven de Poesía, en 2019, pola súa obra Superpoderes. Ademais é integrante de formacións como Caldo y Os Rabizos, Mezá ou Urso Dakoff, entre outras.  

Desde 2002 

 O Premio Poesía Afundación comezou o seu percorrido no ano 2002. Neste tempo resultaron gañadores os poetas galegos Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero, Ledicia Costas e Rafa Vilar, gañador da anterior convocatoria.  

 O galardón implica a publicación do libro na colección Arte de trobar e unha dotación económica de 6000 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario