27 de set. de 2024

A GUARDA

A GUARDA REXEITA, POR INICIATIVA DO BNG, A SUBA DO CANON DE SOGAMA,  ANUNCIADO POLA XUNTA DE GALICIA 

Anxo Lois Baz Vicente (voceiro do grupo municipal do BNG): “de ir adiante a proposta da Xunta de Galiza, A Guarda tería que pagar  100.000€ máis  ao ano a SOGAMA ”  


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG, nun momento da súa intervención no pleno celebrado onte na Casa do Concello

Infogauda / A Guarda

 O  pleno do Concello da Guarda aprobou, a iniciativa do grupo municipal do BNG, rexeitar a suba do canon de SOGAMA que propón a Xunta de Galiza.  

 O portavoz do BNG, Anxo Lois Baz Vicente encargado de defender a proposta manifestou “estamos diante dunha nova imposición da Xunta de Galiza do PP contra os concellos, con unha nova carga contra as arcas municipais. De ir adiante esta proposta da Xunta, A Guarda tería que pagar 100.000€ máis ao ano a SOGAMA que directa ou indirectamente van repercutir negativamente   na  cidadanía guardesa.” 

 Anxo Lois Baz lembrou que o   BNG defende  “un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización, a reciclaxe e a compostaxe, fronte ao custoso e antiecolóxico sistema Sogama, baseado na incineración e o vertido que -recorda- están penalizadas pola normativa europea”.  

 “En lugar de abrir un debate sobre a cuestión dos residuos e introducir cambios no sistema de xestión para adaptalo ás esixencias da directiva marco de residuos, a Xunta opta por facerlle pagar aos concellos o fracaso dun sistema centralizado, obsoleto, moi custoso e antiecolóxico. Deciden darlle un novo sablazo aos concellos, seguindo coa súa especialidade de buscar culpables en lugar de propoñer solucións”, recalcou.   

 O nacionalista afeoulle tamén “ao alcalde da Guarda que non fixo nada en cuestións de residuos e demandoulle que se poñan a traballar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario