25 de maio de 2024

TUI

Tui vai participar no I Encontro Nacional de Arquiveiros da Red de Juderías de España

Que terá lugar na cidade de Plasencia,  o martes 28 e mércores 29 de maio




Infogauda / Tui

 O Concello de Tui participará no I Encontro de Arquiveiros da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad que terá lugar a próxima semana, na cidade de Plasencia,  o martes 28 e mércores 29 de maio. Este evento reunirá a destacados expertos no campo para abordar diversas temáticas relacionadas coa documentación histórica xudía. 

 En concreto o técnico de arquivo do Concello tudense, Rafael Sánchez Bargiela, realizará un dos relatorios deste Encontro sobre “O descubrimento dos sambenitos de Tui” no que exporá o proceso de descubrimento, investigación e posta en valor este importante conxunto patrimonial que atesoura a cidade tudense vinculado coa presenza de comunidades xudías e sefardís no noso territorio.  

 Os outros relatorios correrán a cargo de Fernando Jiménez Berrocal, responsable do Arquivo Histórico Municipal de Cáceres, quen disertará sobre os «Documentos xudeus do Arquivo de Cáceres», e de Bonifacio Bartolomeu, arquiveiro da catedral de Segovia, que ofrecerá un relatorio titulado «Ecos de Sefarad na documentación medieval do Arquivo da Catedral de Segovia». Por último, Angels Busquets Relats e Cinta Mañé Mais, licenciadas en Historia Medieval e técnicas do Arquivo Histórico de Barcelona, poñerán fin ás intervencións  abordando as «Fontes do Arquivo Histórico da cidade de Barcelona para o estudo do seu Call jueu».  

 Este evento reunirá a destacados expertos que abordarán diversas temáticas relacionadas coa documentación histórica xudía, e converterase nunha oportunidade única para poñer en valor o traballo fundamental que realizan os arquiveiros no descubrimento, investigación e coñecemento do relato histórico. “A través destas xornadas queremos destacar o labor fundamental na xestión dos arquivos históricos, que constitúen a pedra angular para a investigación e comprensión rigorosa da historia. Na xestión mesma destes arquivos reflíctese o profundo compromiso e paixón de quen desde os seus roles contribúen ao coñecemento histórico das súas respectivas comunidades, declarou Marta Puig Quixal, xerente da Red de Juderías de España.  

 A concelleira de turismo tudense, Ana María Núñez Álvarez, congratúlase do convite dos organizadores deste encontro ao Concello de Tui e da oportunidade de promover o coñecemento deste importante conxunto patrimonial que conforma a colección de sambenitos da catedral de Tui, pezas únicas, xunto aos sambenitos de Coruña del Conde, que testemuñan a presenza de importantes comunidades de criptoxudeus no territorio do río Miño nos séculos XVI e XVII e a persecución que sufriron pola Inquisición. “A cidade de Tui - subliña a concelleira Núñez Álvarez -, mostrará nunha nova oportunidade o seu legado patrimonial vinculado coas comunidades xudías e sefardís e o seu labor para a súa promoción como un dos grandes recursos culturais e turístico da nosa cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario