24 de maio de 2024

TUI

Tui acollerá a XLIV reunión da Comisión Permanente Internacional do río Miño

 O vindeiro martes, 28 de maio, a partir das 10.00 horas, na Casa do Concello





Infogauda / Tui

 A Casa do Concello de Tui acollerá o vindeiro martes, 28 de maio, a partir das 10.00 horas, a XLIV reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM), á que asistirán a delegación española e portuguesa, presididas respectivamente por cadanseu embaixador e que reúnen a representantes das diversas entidades de ambos países con competencias na xestión do tramo internacional do río Miño.  

 O Comandante Naval do Miño é o presidente da Delegación Española na CPIRM, organismo subordinado á Comisión Internacional de Límites con Francia e Portugal (CIL) e cuxa presidencia corresponde a un embaixador do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación.  Nesta CPIRM intervirán como vogais por parte española a Delegación do Goberno en Galicia; Servizo Provincial de Costas de Pontevedra (MITECO); Subdirección de Pesca e Mercados de Pesca (Xunta de Galicia); Servizo de Pesca da Subdelegación do Goberno de España en Pontevedra; Consellería de Medio Ambiente (Xunta de Galicia); Área do Mar Delegación de Vigo (Xunta de Galicia); Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Capitanía Marítima de Vigo (Ministerio de Fomento); ademais dos alcaldes das localidades ribeireñas do TIRM como convidados. Nas súas funcións de presidente da Delegación Española da CPIRM, o Comandante Naval sanciona os edictos de caza e pesca anuais no río Miño e ten atribucións sobre obras en pesqueiras, licenzas de pesca, sancións, coordinación con organizacións competentes relacionadas co río Miño e funcións consultivas, entre outras.  

 Esta Comisión é un órgano colexiado que se encarga de discutir as propostas encamiñadas á mellora das condicións biolóxico-pesqueiras, conservación dos recursos e de protección do hábitat no Tramo Internacional do río Miño (TIRM). Nesta XLIV reunión a Comisión Permanente Internacional do río Miño debaterá sobre aspectos relacionados coa caza e a pesca nas ribeiras do tramo internacional do río Miño así como a problemática da contaminación do curso fluvial.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, congratúlase da celebración desta reunión da Comisión Permanente Internacional do río Miño na nosa cidade e sinala o papel de Tui como centro estratéxico para a xestión medioambiental e pesqueira do río Miño e para a potenciación dos valores naturais e culturais vinculados ao mesmo. Ao tempo que agradece ao Comandante Naval do Miño como responsable desta Comisión a escolla de Tui como lugar para a súa celebración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario