O PP DE TUI ALERTA DE QUE A OPERACIÓN FALLIDA DO APARCADOIRO “PÉCHASE EN FALSO” COA PROPOSTA POR PARTE DO EQUIPO DE GOBERNO DUNHA INDEMNIZACIÓN Á EMPRESA DE 140.000 EUROS E ESIXE A DEPURACIÓN DE RESPONSABILIDADES POLÍTICAS
• O voceiro, Nico Montes, lembrou no pleno que a concesionaria pide máis de 3 millóns de euros pola rescisión do contrato e solicita ao goberno local que negocie un acordo “para non crear un problema que nos leve á quebra”
• Os populares califican esta operación de “absoluto fracaso económico, político e no deseño e planificación da cidade” e lamentan o “derroche e as mentiras” do executivo por seguir adiante malia os informes técnicos desfavorables.
Infogauda / Tui
O grupo municipal do PP de Tui vén de alertar que “a operación fallida do aparcadoiro subterraneo impulsada polo goberno socialista péchase en falso” coa aprobación plenaria -cos votos de PSOE e BNG- dunha proposta de indemnización de 142.097 euros á empresa concesionaria, dado que esta reclama algo máis de 3 millóns de euros pola rescisión deste contrato.
O voceiro popular, Nico Montes, lamentou en primeira instancia “o custe que xa acarreou esta operación ás arcas municipais sen levantar unha soa pedra, cifrando esta operación ata o momento en 200.000 euros. Este importe é asuma da proposta de indemnización e da redacción dos proxectos e informes asociados para validar esta rescisión, e que non valeu absolutamente para nada, porque nin temos aparcadoiro nin o goberno ten alternativas”.
“Foi como tirar os cartos ao lixo, pero o peor de todo é que o tema non está pechado porque a empresa discrepa desta indemnización para rescindir o contrato, polo que cremos que o goberno local debería negociar un acordo para non crear un problema maior que leve ao Concello á quebra técnica”, explicou o concelleiro do PP.
Os populares tudenses califican esta operación de “absoluto fracaso do goberno local tanto no eido económico, político e no que se refire ao deseño e planificación da cidade” e lamentaron o “derroche e as mentiras” do executivo de Enrique Cabaleiro por seguir adiante cun proxecto irrealizable malia os informes técnicos desfavorables: o de Secretaría de febreiro de 2023 e o do arquitecto técnico de decembro dese mesmo ano.
Nico Montes, que lembrou que seguen á espera de que se convoque á Comisión de Traballo do Aparcadoiro pedida polo PP para tentar darlle solución ao “problema máis grave que ten Tui”, engadiu tamén “Todo isto nos reafirma na nosa negativa a que se suban impostos, porque está claro que só servirían para pagar esta chapuzas innecesarias e ademais é preciso depurar as responsabilidades políticas desta desfeita, xa que cómpre lembrar que este non é un caso illado e estes problemas se repiten constantemente, como xa vimos en anteriores obras nas rúas Colón ou Antero Rubín ou a do Kaiak Tudense”, concluíu o voceiro popular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario