28 de maio de 2024

TOMIÑO

A Praza do Seixo converterase nun grande expositor de vehículos do s. XX  

Clásicos Populares Baixo Miño organiza este domingo 2 de xuño, a XXIV Concentración de Coches Clásicos  


Durante a presentación do encontro no salón de plenos, a asociación entregou ao Concello de Tomiño unha placa conmemorativa en agradecemento á colaboración permanente entre ambas entidades

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño   

 Esta fin de semana a Praza do Seixo converterase nun grande expositor de vehículos do século XX. Este domingo 2 de xuño, a asociación Clásicos Populares Baixo Miño organiza en colaboración co Concello de Tomiño a XXIV Concentración de Coches Clásicos, un encontro no que como cada ano participarán 40 vehículos procedentes da comarca, de diferentes localidades de Galicia e do norte de Portugal.   

 A cita comezará cunha xuntanza na Praza do Seixo a partir das 09.00 horas e a exposición de vehículos anteriores a 1985 en perfecto funcionamento e con permiso de circulación viaria na que o público poderá desfrutar durante todo o día de clásicos de todas as épocas. 

 A xornada continuará ás 11.00 horas cunha saída en caravana para tomar o aperitivo antes de saír ás 13.00 horas cara ao restaurante Casas en Redondela para un xantar social con todas e todos os participantes.  

 Clásicos Populares Baixo Miño, con sede en Tomiño, é unha asociación de ámbito rexional, nacional e internacional que vén funcionando de xeito ininterrompido dende o ano 2000, cumprindo os obxectivos de traballar por para os vehículos históricos. Participa en eventos promovidos por outras asociacións e organiza concentracións e circuítos culturais.  

 Durante a presentación do encontro no salón de plenos, a asociación entregou ao Concello de Tomiño unha placa conmemorativa en agradecemento á colaboración permanente entre ambas entidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario