29 de maio de 2024

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra analizará este xoves no Museo de Pontevedra o percorrido vital e como investigador de Alfredo García Alén 

Na xornada ‘Arredor de Alfredo García Alén. A vida, a obra, o Museo’ abordaranse as súas diferentes facetas en seis conferencias e unha mesa redonda


Alfredo García Alén
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra dedicará estes xoves 30 de maio, en horario de mañá e tarde, unha xornada a lembrar a Alfredo García Alén, que foi o secretario e director adxunto do Museo e unha das figuras máis relevantes na súa historia. Seis conferencias e unha mesa redonda servirán para reivindicar a traxectoria do investigador pontevedrés, que destacou nos campo da arqueoloxía e a etnografía e foi un dos grandes defensores do patrimonio cultural galego. En 2023 cumpríronse cen anos do seu nacemento.  

 O exdirector do Museo, Xosé Carlos Valle Pérez, abrirá a xornada coa conferencia “Alfredo García Alén. Vida e obra. Unha nova lectura”. Seguiralle a disertación do arqueólogo Mateo Fontán sobre a súa biografía e influencia. O encargado de pechar a sesión matinal será o investigador e exsecretario técnico do Museo, Xosé Fuentes Alende, coa conferencia “Alfredo García Alén: unha vida para o Museo, un home para servir a Galicia”.  

 Pola tarde desenvolveranse outras tres conferencias centradas no seu labor como investigador: Xosé Carlos Sierra, exdirector do Museo Etnográfico de Ribadavia falará da relación de García Alén coa etnografía; Antonio de la Peña, exconservador de fondos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra, pronunciará a conferencia “D. Alfredo, mestre e amigo: uns cantos recordos e algo de arqueoloxía” e o arqueólogo e historiador Ramón Patiño falará da orixe e da historia do Grupo de Arqueloxía Alfredo García Alén. A xornada pecharase cunha mesa redonda moderada por Ana Barbazán, exbibliotecaria do Museo.  

Un apaixonado da cultura galega  

 A vida e a obra de Alfredo García Alén (Pontevedra, 1923-1981) están intimamente ligadas ao Museo de Pontevedra, ao que accedeu como alumno colaborador e onde ocuparía, anos máis tarde, as prazas de secretario e director adxunto, traballos que compaxinou coa docencia no Instituto de Pontevedra. No museo desenvolveu, ademais, un inxente labor como investigador en arqueoloxía e etnografía.  

 Home de vasto coñecemento e apaixonado pola cultura galega e polo mundo rural, Alfredo García Alén estudou a prehistoria, as tradicións e o folclore galegos, nomeadamente as crenzas mariñeiras e a cerámica popular. Inspirou a creación do Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén, fundado dentro do Servizo de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra tras o seu prematuro falecemento e integrado polo equipo heteroxéneo de persoas investigadoras profesionais e afeccionadas que acompañaran o arqueólogo nas escavacións, tamén subacuáticas, na catalogación e nas datacións de boa parte do patrimonio arqueolóxico da provincia nun momento álxido da disciplina e previo á súa institucionalización nos anos oitenta.  

 Foi, ademais, membro de institucións coma a Real Academia Galega, tamén da de Belas Artes e da de Historia, do Instituto Padre Sarmiento e do Museo do Pobo Galego. Mestre e licenciado en Dereito e Filosofía e Letras, foi doutor cunha tese sobre cerámica popular galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario