Luis López salienta que o sur da provincia concentra o 40% do investimento do Plan de Infraestruturas Deportivas: “Será un salto de calidade para os equipamentos da zona”
O presidente provincial presenta a alcaldes e concelleiros dos 24 concellos das comarcas de Vigo, Baixo Miño, O Condado e a Paradanta os proxectos que financia a Deputación a través deste Plan e do +Provincia, que superan os 2,1 millóns de euros de investimento
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou que un 40% orzamento do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 1,6 millóns de euros, destínase a mellorar as instalacións deportivas municipais do sur da provincia. Despois de presentar na Estrada os proxectos das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes; e no Grove, os da zona do Salnés e Caldas, o dirixente presentou este luns en Baiona as propostas xa aprobadas das comarcas de Vigo, Baixo Miño, O Condado e A Paradanta. Un total de 29 proxectos que se levarán a cabo en 24 concellos e que suporá a mobilización de máis de 2 millóns de euros a través da conxugación deste novidoso plan impulsado polo goberno provincial e do +Provincia. “Somos unha provincia que aposta polo deporte como vehículo para mellorar a saúde da veciñanza e impulsar o turismo, somos unha provincia decidida a mellorar as nosas infraestruturas para ofrecer servizos de calidade á cidadanía vivan onde vivan e somos unha provincia que coopera para avanzar”, recoñeceu o presidente López, que estivo acompañado pola vicepresidenta e responsable de Deportes, Luisa Sánchez.
O acto, ao que asistiron alcaldes e concelleiros de todos os concellos destas catro comarcas, tivo lugar no campo de fútbol de Aral, en Baiona. Un recinto que será obxecto dunha profunda remodelación, que será financiada ao 100 % con recursos da Deputación de Pontevedra, que achega 81.200 euros a través de dito plan; e 246.590 euros procedentes dunha subvención concedida ao Concello de Baiona ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do +Provincia. Unha obra que suporá un investimento de 330.000 euros e que é “froito da colaboración leal o Concello a Deputación”, subliñou Luis López.
Pola súa banda, a vicepresidenta Luisa Sánchez, que se encargou de abrir este acto de presentación dos proxectos, explicou os obxectivos deste programa provincial. “Presentamos os grandes investimentos que imos impulsar nas comarcas de Vigo, Baixo Miño, O Condado e a Paradanta que transformarán como nunca antes se fixera as infraestruturas deportivas municipais destas zonas. Esta transformación será e xa está sendo posible grazas ao Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado con 4 millóns de euros. Un amplísimo programa para construír novas instalacións, mellorar as existentes, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar materiais e equipamentos para modernizar estes espazos”, detallou Sánchez.
Antes de definir polo miúdo os proxectos aprobados en cada un dos concellos, o titular do goberno provincial puntualizou que, grazas a este plan, investirase un 40 % do orzamento deste primeiro plan de infraestruturas deportivas nestas catro comarcas. Os concellos da área de Vigo, que son Baiona, Fornelos, Gondomar, mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas ou Soutomaior; percibirán 850.000 euros; os do Baixo Miño, que son A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui, recibirán 350.000 euros; á comarca do Condado destínanse 310.000 euros a repartir entre Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas e Salvaterra de Miño; e, finalmente, na Paradanta a Arbo, A Cañiza, As Neves, Covelo e Crecente correspóndenlle 140.000 euros.
“Uns proxectos que reciben tamén financiación doutro programa provincial de récord como é o +Provincia, que eleva a cifra total de investimentos en instalacións deportivas na provincia por enriba dos 2,1M€. Será un salto de calidade para os equipamentos da zona”, remarcou o presidente da Deputación. Un dos concellos do sur da provincia máis beneficiado por este Plan é Nigrán, onde a Deputación destina 120.000 euros para a execución de dous proxectos: a construción dunha pista de Pump Truck (75.401€) e a instalación dunha pista de surfskate (44.356€). Na área do Val Miñor, Gondomar é outro dos concellos que máis fondos ten asignados, pois recibirá 94.000 euros para financiar a práctica totalidade de tres proxectos: Acondicionamento das pistas deportivas nas Cercas (28.800€), instalación de iluminación para as pistas das Cercas (56.300€) e unha memoria valorada para a adquisición de mobiliario deportivo (9.500€). Do mesmo xeito, Ponteareas benefíciase cunha achega provincial de 134.000 euros para a contribuír á execución do campo de fútbol de San Mateo, O Porriño, conta cunha aportación de 121.000 euros que permitirá financiar case o 100 % da ampliación e mellora da accesibilidade do pavillón municipal; e Tui dispón de 106.000 euros para a completa financiación da mellora da ventilación da pista polideportiva de Randufe.
Os investimentos na comarca de Vigo complétanse cunha achega de 95.300 euros ao Concello de Mos para a mellora das instalacións deportivas municipais, 28.300 euros a Fornelos de Montes para a ampliación da cuberta existente entre varias edificacións de uso deportivo e reparación da pista de pádel; e 57.500 para que Soutomaior reforme a entrada principal do campo de fútbol de Candán.
No Baixo Miño, A Guarda recibe 69.700 euros para o acondicionamento das dependencias deportivas no campo de fútbol da Sangriña, Oia, 35.500 euros para a construción dun pump track; O Rosal, 52.100 euros para costear a instalación dun un videomarcador para o pavillón municipal (33.800€), unhas porterías para o campo de fútbol da Mata e o pavillón (11.700€) e a compra de bicicletas (6.500€); mentres que Tomiño recibirá 88.300 euros para a reforma da cuberta e da fachada do pavillón da Carballa.
No Condado, Mondariz recibe 42.300 euros para a mellora das infraestruturas das piscinas municipais; Mondariz Balneario, 23.700 euros para a modernización, remodelación e mellora das instalacións deportivas da Avenida Enrique Peinador; e As Neves, 38.800 euros para a instalación de pavimento deportivo no pavillón municipal.
Na Paradanta, Arbo conta con 33.300 euros para a reforma dos vestiarios do campo de fútbol, A Cañiza, con 45.600 € para ampliar a cuberta das pistas de pádel existentes; Covelo, con 32.600 euros para o proxecto técnico de cambio de cuberta da bancada do campo de fútbol municipal; e Crecente, con 30.000€ para a mellora das instalacións e remodelación da piscina municipal.
O +Provincia conxúgase co PEID para executar proxectos estratéxicos
Con todo, o emprego de fondos do +Provincia permite aos concellos do sur da provincia ampliar os seus orzamentos e afrontar proxectos máis ambiciosos financiados ao 100 % con fondos da Deputación. É o xa citado caso de Baiona, así como os de Redondela, onde se substituirá o céspede artificial do campo de fútbol de Chapela por 330.100 euros (163.600€ do PEID e 166.500€ do +Provincia); de Salceda de Caselas, para a terceira fase da mellora das instalacións das piscinas municipais por 131.500 euros (66.600€ do PEID e 73.300€ do +Provincia); de Pazos de Borbén, para a cuberta da pista de pádel por 131.500 euros (66.600€ do PEID e 73.350€ do +Provincia); e de Salvaterra, para o acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol do Oural por 88.100 euros (70.000€ do PEID e 18.100€ do +Provincia).
A Deputación aposta polo deporte
“Modernizar as instalacións deportivas de todos os Concellos da provincia é unha prioridade para este goberno, pero a aposta da Deputación polo deporte vai moito máis aló”, asegurou o presidente Luis López antes de facer referencia ás liñas de subvencións e becas para federacións, clubs e deportistas; así como a novidosa liña de apoio dotada con 100.000 euros para promover o turismo deportivo, que se aprobou o pasado venres en Xunta de Goberno. Neste sentido, Luis López tamén lembrou o mantemento da aposta por acoller acontecementos deportivos de interese xeral, como o que se celebrou no Porriño co partido da Selección Española Feminina, a etapa de La Vuelta a España que sairá desde Ponteareas e terá meta en Baiona ou o vindeiro partido da selección galega de fútbol, a Irmandiña, contra Panamá, este venres en Balaídos.
Despois de agradecer ao alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuiña, a cesión deste recinto deportivo para organizar esta presentación e de poñer en valor a asistencia ao acto e a colaboración de todos os rexedores destas comarcas para sacar adiante os proxectos deste Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, Luis López quixo reafirmar o compromiso “férreo” da Deputación co deporte porque “mellora a calidade de vida, mellora os servizos e dinamiza a economía e mellora o recoñecemento das Rías Baixas como destino turístico ligado ao deporte e á natureza”. O presidente da Deputación concluíu o seu discurso recoñecendo que “ningunha destas apostas sería posible sen a vosa colaboración. Este mérito tamén é voso. Porque traballando xuntos, gañamos todos”, rematou Luis López.
Ningún comentario:
Publicar un comentario