Luis López remarca os preto de 1,2 millóns de euros do Plan +Provincia que acaba de aprobar a Deputación para que sete concellos impulsen investimentos e afronten gasto corrente
• Os novos recursos beneficiarán a Cambados, Gondomar, O Grove, O Porriño, O Rosal, Vila de Cruces e Vilaboa
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 1,2 millóns de euros para que sete concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 e afronten gasto corrente no marco da liña 2 doPlan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Cambados, Gondomar, O Grove, O Porriño, O Rosal, Vila de Cruces e Vilaboa. Servirán, en palabras do presidente provincial Luis López, para “traballos de pavimentación ou mellora de camiños e outros espazos públicos, así como gastos correntes de actividades e tamén do consumo eléctrico”. En total, o goberno provincial xa aprobou este ano 27,9 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
O presidente provincial remarcou algunhas das iniciativas de elevada contía que van acometer os concellos cos recursos provinciais. Neste eido subliñou o acondicionamento do pavillón de deportes de Conmeniño, no Grove, no que estivo onte mesmo para dar conta dos recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Este pavillón será acondicionado integramente pola Deputación de Pontevedra, con 315.000 euros de fondos provinciais que proveñen do citado plan (74.000 euros) e dos recursos aprobados nesta Xunta de Goberno no marco do +Provincia (241.000 euros).
Ademais aprobáronse 262.264 euros para Vila de Cruces, tal e como tamén avanzou onte o presidente Luis López ao seu alcalde. Con estes recursos, o concello dezá mellorará a capa de rodaxe de camiños en Beuvas e O Camballón, entre outros, cun investimento de 194.504 euros, e acondicionará o espazo público na Travesía Vázquez nº4, por valor de 67.760 euros.
Completan os recursos da liña 1 do Plan +Provincia outros 186.308 euros para que Vilaboa mellore a seguridade viaria e a drenaxe en Nores; 177.286 euros para que O Porriño mellore camiños municipais en Torneiros e Pontellas; e 104.781 euros para que Gondomar pavimente e canalice pluviais nas rúas Fontán e Texosa. Pola súa banda, no marco da liña 2, O Rosal recibirá 152.347 euros para gasto corrente de enerxía eléctrica e Cambados 87.103 euros para afrontar gastos derivados da programación cultural, deportiva e social do concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario