21 de maio de 2024

O ROSAL

Fin de semana de non parar no Rosal  

 O sábado 25 a Festa da Crianza, e Xoán Gándara coa presentación do seu libro, serán os protagonistas. 

 O domingo 26 ACOR celebra o Día da Amizade cunha morea de actividades.  






Infogauda / O Rosal  

 O Rosal prepárase para unha fin de semana marcada por unha grande actividade cultural e de lecer para todos os públicos. A programación de primavera continúa “levando experiencias ricas e diversas a todos os recunchos do concello, colaborando man a man co tecido asociativo rosaleiro en iniciativas innovadoras e únicas”, como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 A actividade da fin de semana comezará o sábado 25 de maio da man da asociación Xoaninhas Crianza Respectuosa en colaboración co Concello e con Biophilia Axencia Ambiental. Baixo o lema ‘Outro mundo é posible, outra crianza necesaria’, organiza na Área Recreativa das Aceñas a Festa da Crianza, un lugar de encontro no que durante todo o día haberá actividades para compartir en familia. 

 A xornada comezará ás 11.00 horas cun obradoiro de ioga que dará paso ás 13.00 horas ao concerto de Cé Orquestra Pantasma e ás 14.00 horas ao xantar popular. Xa pola tarde, a actividade retomarase ás 16.00 horas cun obradoiro de modelaxe con arxila e cun encontro-faladoiro sobre crianza respectuosa. Ás 18.00 horas o público poderá desfrutar de xogos na natureza para logo asistir á foliada de peche da festa ás 19.00 horas. 




 E despois dun día de intensa actividade, ás 19.30 horas a Abadía das Eiras acollerá a presentación de ‘Memorias dunha aldea’, o último libro de Xoán Gándara. Organizada pola Asociación Ghorghalado, o evento será presentado por Carlos Villanueva, concelleiro de Cultura do Rosal, e contará coa participación - ademais do propio autor -,  de Bieito Ledo, director de Ir Indo Edicións. O acto estará amenizado polas intervencións musicais de Carlos Villanueva ao saxo e de Lorenzo Suárez ao contrabaixo.   




 Xa o domingo 26 de maio a programación de lecer continúa da man da Asociación de Comerciantes do Rosal (ACOR), que celebrará o Día da Amizade, con deporte, mercado, gastronomía e moita música que animará a xornada. O programa comezará ás 09.00 horas, na Praza do Calvario, co I Torneo de Petanca da Amizade, organizado polo Club de Petanca O Caldeiro, de Camposancos, e que servirá de previa á apertura do Mercadiño da Amizade ás 10.00 horas. A mañá continuará con sesión vermú ás 12.30 horas da man do grupo Xerock Percusión, formado por integrantes de San Xerome Emiliani, e coa comida da Amizade servida pola Tapería A Praza. As persoas interesadas en participar na comida deberán mercar o seu menú e reservar mesa previamente en Milar Teleson.  

 Ás 16.00 horas a actividade retomarase co I Campionato de Tute da Amizade e co Concurso de biscoitos, para os que hai que inscribirse antes do 25 de maio, e que repartirán premios de entre 30 e 100 euros en vales de compra para mercar nos comercios da Asociación de Comerciantes do Rosal. A festa rematará ás 20.00 horas coa entrega de premios e ‘porco ao espeto’ servido pola Agrupación Musical do Rosal.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario