O Concello prepara un verán de lecer para a infancia rosaleira
• O martes 14 de maio ás 09.00 horas abre o prazo de inscrición para participar no campamento de verán municipal
• Haberá 40 prazas, e por primeira vez poderase solicitar o campamento por quincenas
Infogauda / O Rosal
O Rosal prepara unhas vacacións estivais cheas de lecer para nenos e nenas. O Concello abre ás 09.00 horas do vindeiro martes 14 de maio o prazo de inscrición no campamento de verán municipal para cativada matriculada durante o curso 2023/2024 en educación infantil ou educación primaria que estean empadroados no Rosal ou que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio.
Trátase dun programa de actividades para os meses de xullo e agosto co que o Concello quere “permitir ás rosaleiras e rosaleiros conciliar a vida familiar e laboral ofertando actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre de rapazas e rapaces durante as vacacións estivais e facelo dun xeito divertido e ameno, nunha contorna enriquecedora e fomentando o seu desenvolvemento e crecemento persoal”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O campamento desenvolverase na Escola de Marzán durante os meses de xullo e agosto e contará cun total de 40 prazas, 30 delas de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e outras 10 en horario de 08.00 a 15.00 horas. De todas estas prazas, 5 serán reservadas para inclusión.
Como novidade, o campamento municipal contará este ano coa posibilidade de inscribirse por quincenas, facilitando así que nenos e nenas poidan compaxinar esta actividade con outros campamentos que se organizan no Rosal. Así, poderase solicitar a participación os dous meses completos, un só mes ou por quince días seleccionando as quendas que se precisen: do 1 ao 14 de xullo, do 15 ao 31 de xullo, do 1 ao 18 de agosto ou do 19 ao 31 de agosto.
O prezo por persoa será de 100 ou 125 euros ao mes, dependendo do horario solicitado na inscrición. En caso de solicitar quincenas o prezo será de 60 0u 70 euros por persoa, dependendo do horario de entrada e saída sinalado na inscrición.
As persoas interesadas en reservar praza poderán presentar a súa solicitude ata o 31 de maio presencialmente no Rexistro do Concello de 09.00 a 14.00 horas ou por Sede Electrónica. Entre a documentación a achegar, deberase presentar a solicitude de participación, a autorización de recollida da ou do menor, o cuestionario de saúde ou autonomía persoal, a fotocopia do DNI do pai/nai/titor/titora, a fotocopia do libro de familia, a fotocopia da tarxeta sanitaria e vida laboral actualizada, así como certificados específicos de discapacidade da persoa participante, familia monoparental, famillia numerosa ou de traballar ou posuír un negocio no Rosal en caso de precisalo.
O Concello elaborará unha listaxe de persoas adxudicatarias das prazas, así como unha listaxe de reserva. No caso de renuncia, a lista de agarda irá correndo segundo orde numérica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario